As traballadoras do SAF de Carballo exixen a suba salarial conforme ao IPC que estabelece o convenio

Carballo -

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Carballo mobilizáronse na mañá deste xoves para exixirlle á empresa adxudicataria, FEPAS, que de inmediato aplique a suba salarial correspondente ao IPC real, tal e como estabelece o convenio colectivo. O persoal realizou unha marcha polas rúas da vila que saíu por volta das 11 horas das oficinas da empresa (situadas na rúa Perú) e rematou na Praza do Concello.

Cómpre lembrar que Fundación para el estudio y la promoción de la acción social (FEPAS) entrou no SAF de Carballo en xaneiro deste ano cun contrato polo que recibirá 1.8 millóns de euros ao ano. A empresa comezou a prestar os servizos aplicándolle ao persoal as táboas salariais correspondentes a 2022.

Mais unha vez coñecido o IPC final de 2022, a empresa tería que proceder a actualizar os salarios un 5,7% (IPC real), tal e como estabelece o artigo 9 do convenio colectivo. Porén, a pesar das demandas neste sentido trasladadas polas delegadas do persoal e a CIG, "FEPAS non quere comprometerse a materializar o incremento na seguinte nómina nin a marcar os prazos para o abono dos atrasos xerados dende xaneiro", denuncia Martín Caamaño, responsábel da CIG de Carballo.

Garantir o mantemento da cláusula de revisión ligada ao IPC real no articulado do convenio galego foi unha das reivindicacións das traballadoras durante a folga sectorial realizada en novembro do pasado ano.

Polo que agora, advirten que non van renunciar ao incremento dos salarios ao que teñen dereito "para que unha empresa privada siga engordando os seus beneficios a conta de explotarnos" e tras a mobilización deste xoves non descartan intensificar as accións de protesta ao longo das próximas semanas.

Neste senso, Caamaño tamén insta ao Concello de Carballo, como responsábel do servizo, a que garanta o cumprimento da lexislación vixente e obrigue a FEPAS a actualizar de inmediato as retribucións das traballadoras, que realizan unha actividade básica para centos de veciños e veciñas.

E no caso de que a empresa continúe sen asumir as súas obrigas, "o Concello debería proceder á rescisión do contrato por incumprimento grave e rescatar a concesión, volvendo a prestar este servizo público de maneira directa", conclúe.

Volver