As traballadoras de DomusVi Ferrol denuncian as nefastas condicións laborais e a actitude despótica da dirección

Ferrol -

As traballadoras da residencia da terceira idade DomusVi Ferrol realizaron unha concentración este xoves diante do centro para denunciar as "nefastas condicións" nas que teñen que desenvolveu o seu traballo, "sen unha dirección que poida tomar decisións e cunha coordinación despótica e ditatorial, avalada dende a empresa".

A CIG leva tempo denunciando a sobrecarga laboral, a falta de persoal, a denegación de permisos retribuídos ou as modificacións constantes de horarios que imposibilitan a conciliación da vida familiar. Unhas malas condicións que, subliña Beatriz Fernández, responsábel do sector na CIG de Ferrol, están a converter este centro de traballo "no referente da explotación laboral".

Pero ademais, alerta que DomusVi Ferrol leva meses sen dirección á fronte e cunha coordinación  "cuxa actitude deixa moito que desexar, pois descoñece por completo como se desenvolve o traballo nunha residencia e enmascara o seu descoñecemento cunha prepotencia, arrogancia e falta de empatía propia doutros tempos".

Esta situación é de sobra coñecida "e amparada" polos responsábeis da empresa, cos que a representación do persoal mantivo unha xuntanza para trasladarlle todas estas problemáticas e demandar solucións. "Pero pouco ou nada parece importarlle, e lonxe de tentar buscar un clima axeitado de traballo, están a forzar as traballadoras a soportar unha carga laboral e un nivel de estrés non só físico, senón tamén psicolóxico, inaceptábel".

Fernández critica que DomusVi pretenda ser un referente no sector das residencias de persoas maiores a conta da explotación laboral do seu persoal, o que repercute na atención e nos coidados que se prestan ás e aos usuarios.

"Por iso, estamos hoxe aquí e anunciamos que continuaremos coas mobilizacións e denuncias precisas pola dignificación do noso traballo, porque estamos fartas de aturar unhas condicións de precariedade e de que, por riba, a empresa non respecte os nosos dereitos", aseverou.

Ao tempo, na concentración tamén se quixo denunciar o deixamento da Xunta de Galiza, que non está a exercer o labor inspector que debera, permitindo estas prácticas empresariais vergoñentas que mercantilizan e converten os coidados das persoas idosas nun privilexio.

Volver