As traballadoras das tendas de Inditex da provincia da Coruña irán á folga o 25 de novembro

A Coruña -

A falta de movementos por parte de Inditex, que mantén a mesma proposta económica que a presentada hai dúas semanas, aboca as traballadoras das tendas que o grupo ten na provincia da Coruña a ir a unha xornada de folga o próximo 25 de novembro, coincidindo co Black Friday, en demanda de salarios dignos.

A folga afectará a todas as traballadoras e traballadores das distintas marcas de Inditex: Zara, Zara Home, Stradivarius, Bershka, Pull&Bear, Oysho, Tempe, Lefties, Massimo Dutti e Kiddy’s Class. Nalgunha cadea incluso están estudando ampliar a folga ao día anterior, o xoves 24, debido a que Inditex ten por costume adiantar as ofertas.

A decisión de convocar folga foi aprobada nas asembleas e consultas nas tendas realizadas pola CIG ao longo desta semana e da pasada na Coruña, Ferrol e Compostela, despois da exitosa manifestación realizada o 6 de novembro. E aínda que se agardaba algún avance na xuntanza convocada para hoxe pola multinacional que permitise chegar a acordo, o certo é que Inditex non mellorou en nada a súa anterior oferta, na que, ademais, xa deran por rotas as negociacións.

"Non chegamos a fin de mes"

O único que fixo a empresa foi ofrecer un incremento de 20€ máis no primeiro ano, pero sen variar a cantidade final aos tres anos, que segue fixada nos 182,93€. Para o conxunto das delegadas da CIG este incremento resulta totalmente insuficiente tendo en conta que as súas retribucións levan tres anos case conxeladas, e en moitos casos empeoraron, debido ao descenso das comisións.

"Na provincia onde está a sede de Inditex e onde vive o home máis rico do Estado español, as traballadoras das tendas non chegamos a fin de mes. O único que pedimos é ter un salario e unhas condicións dignas como as que xa teñen noutras empresas", subliñan as delegadas da CIG.

Neste senso lembran que cobran polo convenio colectivo provincial do comercio vario mentres noutras empresas do grupo, como as fábricas ou os almacéns de loxística, grazas á batalla sindical, conseguiron que as retribucións en categorías equivalentes sexan o dobre do que cobran elas. Por iso, reiteran que seguirán a defender un incremento progresivo dos seus soldos até sumar  440€/mes en 2025.

Cómpre lembrar que as dependentas das tendas de Inditex non só teñen os salarios máis baixos do grupo, senón tamén peores horarios e xornadas, e nin sequera gozan de melloras económicas e sociais que si teñen recoñecidas as compañeiras e compañeiros doutras empresas, como o bono comedor, as axudas por coidado ou as axudas para gardería e adquisición de libros escolares.

Negociar aquí as condicións laborais e salariais

No ano 2016, e despois das mobilizacións promovidas pola CIG, conseguiuse asinar un acordo con Inditex que recollía melloras en materia salarial e de contratación. Ese acordo é o que agora se está tentando renovar, pero a multinacional limítase a ofrecer unha suba de miseria que non corrixe as enormes diferenzas que existen co resto de compañías.

A isto hai que sumar o cambio na política de relacións laborais de Inditex que, especialmente dende a pandemia, está tentando afastar a negociación colectiva dos centros de traballo para trasladala a Madrid, e así negociar comodamente coas cúpulas dos grandes sindicatos estatais. De feito, nas negociacións actuais, a multinacional nin sequera permite que as representantes legais das traballadoras asistan ás reunións e só consente a presenza dunha persoa representante por sindicato, para evitar así recoñecer a maioría esmagadora da CIG (próxima ao 70% nesta provincia).

Nesta estratexia de centralización da negociación colectiva habería que encadrar a creación da nova patronal téxtil na que se integrou Inditex co obxectivo de negociar un convenio estatal do comercio téxtil, e excluír das negociacións ás traballadoras máis organizadas e reivindicativas tal e como xa están facendo actualmente coa negociación do plan de igualdade estatal.

Volver