As mulleres da CIG outorgan o Premio 8 de Marzo ás traballadoras dos SAF

Concédese unha mención as traballadoras das tendas de Inditex da provincia da Coruña

Nacional -

As traballadoras dos SAF, que mantiveron unha folga de 28 días coa que conseguiron que CCOO e UGT non asinaran un convenio que introducía dúas táboas salariais diferentes e nin sequera contemplaba incrementos salariais conforme o IPC, recibiron o Premio 8 de Marzo. A multitude de conflitos protagonizados por mulleres en 2022 fixo difícil, segundo a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, tomar esta decisión. Por iso desta volta acordaron, ademais, outorgar unha Mención ás traballadoras das tendas de Inditex da provincia da Coruña, pola loita para a mellora das súas condicións económicas contra “un poderosísimo patrón”, coa que conseguiron “derrotar un xigante” acadando mesmo recoñecemento internacional.

Na súa intervención tras da entrega dos agasallos ás premiadas, Nicolasa Castro considerou que non é casual que houbera múltiples conflitos protagonizados por mulleres xa que é precisamente nos sectores máis feminizados onde hai unha maior precariedade. Nese sentido valorou especialmente os froitos que está a dar o traballo do feminismo de clase das mulleres da CIG e afirmou que “este é o feminismo do 99%, o que pon en evidencia máis o chan pegañento que o teito de cristal; o que enuncia que a entrada dunhas no traballo remunerado, co conseguinte abandono dos coidados no fogar, non debe asentarse na sobreexplotación e na precariedade doutras”.

Castro lembrou que seguen sendo as mulleres quen padecen a non consideración das tarefas de coidados como actividade laboral e apuntou como caso máis paradigmático, o das empregadas do fogar que, como denunciou, “aínda carecen dos dereitos máis elementais como traballadoras”. Desconsideración que se suma á desigualdade que se sofre tamén noutros sectores “en forma de baixos salarios, parcialidade e a temporalidade, agora chamada contratación fixa descontinua”.

A secretaria das Mulleres salientou, por iso, que malia as dificultades vanse abrindo camiño as loitas das traballadoras pola consecución da igualdade, “porque abrimos os ollos e xa non aturamos máis demoras”. Así enumerou conflitos como os das traballadoras das residencias de maiores; do SERGAS; da conserva ou das tendas de Inditex mais manifestou especial orgullo pola protagonizada polas compañeiras do SAF “polas dificultades que tiveron que vencer para pór na rúa unha problemática que vai máis alá do laboral: a privatización de servizos esenciais por parte dos concellos e a neglixencia destes e tamén da Xunta no seguimento da prestación do servizo”.

Nicolasa Castro valorou a dificultade de artellar unha loita de dimensións nacionais a través de mobilizacións nos diferentes concellos, coa peculiaridade de que, ademais no seu caso non existe un centro de traballo que permita un contacto no día a día para socializaren os problemas e alternativas.  “Aínda así, o conflito prendeu como o lume e estendeuse por todo o país, chegando mesmo a pequenas localidades onde non se lembraba que houbese en moio tempo ningún acto de protesta”, lembrou.

De aí que dera especial valor a ter conseguido “pór contra as cordas alternativas sindicais que negocian de costas ás decisións e intereses das traballadoras” e, sobre todo, demostras que “unidas podémolo conseguir todo”.

Castro augurou que haberá máis logros, porque “avanzamos cara a unha sociedade que non vai permitir que se faga negocio cos coidados das persoas dependentes” e avanzou que “teremos que exixir ás administracións que se ocupen da xestión directa do servizo de atención á dependencia”. Incidiu en que se trata da parte máis vulnerábel da sociedade cuxo “benestar físico e emocional non pode servir para o negocio de empresas que buscan o beneficio económico á costa do que sexa, como tristemente ficou patente na pandemia”.

A secretaria das Mulleres concluíu enxalzando o labor das traballadoras dos SAF, “mulleres que ofrecen parte do seu tempo e coidados a cambio de salario e de dereitos”; rexeitando que se tire “lucro neste intercambio” e exixindo “atención digna para todas as persoas dependentes e condicións laborais tamén dignas para os traballos de coidados”.

Volver