As delegadas da CIG solidarízase coas traballadoras da limpeza en loita por unhas condicións dignas

Este mércores celebrouse en Lugo o XIII Encontro nacional para debater as liñas de acción contra as violencias no traballo

Lugo -

Delegadas da CIG manifestáronse este mércores en Lugo no marco da campaña do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que este ano a central sindical desenvolve baixo o lema 'Non hai violencia que nos pare na conquista da igualdade'. Esta mobilización, que foi precedida dun encontro nacional de formación e debate, constitúe tamén unha mostra de apoio e solidariedade das mulleres da CIG ás compañeiras do sector da limpeza, que levan máis dun mes en folga  para reclamar un convenio digno.

A folga das traballadoras da limpeza é un exemplo de resistencia e loita por conseguir unhas condicións salariais e laborais dignas, nun sector altamente feminizado. “A vosa loita é a loita de todas as mulleres", salientou a secretaria confederal de Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, antes de iniciar a manifestación que saíu de diante da Deputación e rematou na CEL.

Castro puxo o acento no feito de que, precisamente, son os sectores máis feminizados os que nos últimos tempos están a protagonizar as loitas máis duras para reverter a precariedade que padecen. “Nunha data como a do 25 de novembro hai que pór en evidencia que entre os varios tipos de violencia que padecemos as mulleres tamén está a violencia da desigualdade a través dos salarios e das condicións de traballo”.

Por iso, este ano a CIG quixo centrar a súa campaña na relación entre violencia e desigualdade e denunciar o papel das institucións que “fan paripés” en datas sinaladas do feminismo mentres “as condicións materiais se manteñen”.

A secretaria confederal de Mulleres da CIG apelou ás administracións para que “non só saian o día 25 a facer declaracións rimbombantes, senón que poñan en marcha todas as medidas necesarias para facer efectiva e real a igualdade entre homes e mulleres”. Neste sentido valorou que a situación de precariedade que viven as traballadoras de sectores feminizados, como a limpeza ou os coidados, son un exemplo de discriminación por razón de xénero e chamou ás delegadas e delegados da CIG a desenmascarar a “hipocrisía” das empresas e institucións á hora de abordar a violencia contra as mulleres.

Na mesma liña, Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos, incidiu en que se a folga da limpeza acontecera nun sector masculinizado xa estaría resolto, e apuntou que incluso dentro do propio convenio as categorías mellor pagadas están ocupadas polos homes.

Paripés das institucións pero non se cumpren as normas

Na súa intervención, Castro denunciou posicións como a do PP “que fan actos de cara á galería” ao tempo que aplican políticas que desmantelan os servizos públicos e recortan dereitos “empeorando as nosas vidas como coidadoras na familia, a nosa saúde etc.”. Afondando nestas políticas ao pactar con partidos que negan a violencia machista e “que nos queren levar a épocas do pasado en que as mulleres careciamos de calquera dereito”.

Advertiu que as normas legais tamén se converten nunha especie de simulación “porque non se cumpren se non é pola insistente denuncia e loita”. Expuxo o exemplo dos plans de igualdade ou dos protocolos de acoso e por iso con esta campaña, a CIG márcase como obxectivo dar a coñecer os incumprimentos das obrigas legais das empresas e administracións e as medidas que debemos exixir para combater as violencias machistas no traballo.

Sinalou que nin sequera existen estatísticas sobre o acoso no traballo, cando as violencias nos lugares de traballo teñen que destaparse xa que se trata dunha cuestión de saúde e de defensa dos dereitos fundamentais, do dereito á dignidade, ao desenvolvemento da personalidade.

Feminismo combativo

A secretaria confederal afirmou que as mulleres da CIG “queremos o feminismo do 99%, o feminismo que reivindique os dereitos das traballadoras, que recoñeza como traballo o do fogar, o traballo das que limpan e das que coidan, o feminismo que reivindica dereitos para as migrantes, para as mozas galegas que seguen emigrando porque no noso país non atopan un emprego digno, o feminismo que está coas palestinas expulsadas da súa terra e masacradas xunto ás súas crianzas por miles en Gaza”. Porque, concluíu, “ese é o feminismo de clase co que nos imos liberar”.

38 días en folga por un convenio digno na limpeza

O XIII Encontro rematou coa intervención das traballadoras da limpeza que levan 38 días en folga, fronte a unha patronal estatal que ten secuestrada a negociación do convenio provincial “mentres as administracións miran para outro lado e non fan o traballo que lle corresponde”. “Esta folga iniciouse co claro convencemento de que é a única ferramenta para acadar un convenio digno e por iso, avanzou Castiñeira, as traballadoras non cesarán até lograr o seu obxectivo”.

Denunciou que a oferta da patronal suporía conxelación salarial para o 2022 (cando o IPC rematou no 5,7%), deixar as táboas do convenio por debaixo do SMI e ademais introducir recortes nas contías da antigüidade. “E iso non o imos aceptar. Mentres a patronal non mude a súa postura a folga continuará”, aseverou.

A representante da CIG considerou “incríbel” que as traballadoras do sector teñan que ir á folga e perder salarios e cotizacións para reclamar un convenio que chegue ao SMI e que as administracións non interveñan. “Somos esenciais pero agora resulta que estamos esquecidas”.

Rexeitou que, ante o alongamento da folga e as manifestas consecuencias que ten, se queira culpabilizar as traballadoras e se anuncie un incremento dos servizos mínimos en determinados colexios. “A responsabilidade non é das traballadoras, xa está ben, non se pode vulnerar o dereito á folga. As administracións téñenlle que pedir responsabilidade á patronal, que é quen nos mantén nesta situación”, concluíu.

Chamamento a participar nas mobilizacións da Marcha Mundial das Mulleres

Durante o Encontro tamén se fixo un chamamento a participar nas mobilizacións que a Marcha Mundial das Mulleres ten convocadas para o vindeiro sábado, 25 de novembro, en 18 localidades. As protestas desenvolveranse baixo o lema 'Organicémonos contra as violencias machistas. A nosa loita é pola vida".

Volver