A Xunta incrementa un 300% os servizos mínimos na folga do persoal de Alsa Ferrol
Ferrol -
A Xunta de Galiza, desaparecida dende o inicio do conflito do persoal de Maitours (grupo Alsa), vén de publicar un novo decreto de servizos mínimos que incrementa nun 300% a actividade a realizar. Estes novos servizos impóñense coincidindo co inicio do curso escolar e sen que até o momento a administración galega, responsábel do contrato, teña amosado o máis mínimo interese nas demandas dos traballadores e traballadoras desta empresa.
Con esta orde, explica Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, a Xunta de Galiza impón o funcionamento do 80% dos servizos diarios, impedindo así que a maior parte do cadro de persoal poida exercer o seu dereito á fundamental á folga. Por iso, xa avanza que a CIG vai recorrer estes servizos nos xulgados. "En vez de implicarse na busca dunha solución, o que busca a Xunta é rebentar a folga impondo un servizos de máximos", denuncia.
A loita continúa
A este respecto, adianta que os traballadores e as traballadoras de Maitours non van abandonar a súa loita e manteñen a plena disposición a pelexar para conseguir que se respecten os seus dereitos. Porque o que reivindican, lembra Pastoriza, non é outra cousa que se lle aplique o convenio do transporte de viaxeiros/as da Coruña -como se lle aplica ao resto de compañeiros/as da UTE-, ou que a empresa compense os festivos traballados e respecte o acordo de realización dos servizos imprevistos.
O representante da CIG critica que logo de case dous meses en folga, Alsa siga negándose a negociar e avanzar nun acordo. "Antes ou despois a empresa terá que aplicar o convenio provincial, porque así o estabelece a normativa laboral e porque así o determinou unha sentenza xudicial. Non entendemos esta teimosía por dilatar o conflito e non entendemos tampouco que a Xunta non estea intervindo para que a empresa cumpra coa lexislación neste punto e no resto das reivindicacións", valora.
Pastoriza denuncia tamén a falta de interese do Concello de Ferrol, malia a folga afectar de pleno ao servizo de transporte urbano da cidade. "A empresa está desaparecida, a Xunta está desaparecida e o Concello está desaparecido, pero os traballadores e as traballadoras seguen en loita e seguirán en loita até que se garantan os seus dereitos", asevera.
Para visibilizar as súas demandas, o persoal realiza mobilizacións na rúa de xeito períodico como a manifestación que fixeron este martes polo centro da cidade.