O segundo día de folga en Sodexo deixa de novo sen actividade os comedores de Inditex en Narón

Narón -

A segunda xornada de folga parcial convocada nos comedores de Inditex de Narón para reclamar a Sodexo, a empresa que presta o servizo, un reforzo de persoal están rexistrando un seguimento total, polo que, por segundo día, nos dous comedores da multinacional non se ofreceu o servizo de comidas.

Malia o éxito das dúas xornadas de paro (que se desenvolve de 12 a 15h), a empresa continúa na súa postura inmobilista, polo que a folga continuará os días 13, 14 e 15 decembro, mais desta volta afectará a totalidade da xornada laboral (das 05 ás 18h).

O secretario da CIG-Servizos de Ferrol, Francisco Cartelle, subliña que as traballadoras e os traballadores de Sodexo non están reclamando outra cousa "que poder traballar en condicións dignas e sen ter que asumir un sobreesforzo continuado para poder sacar adiante o servizo de comidas".

Unha sobrecarga de traballo, engade, que lles afecta directamente á súa saúde mentres a empresa engorda os beneficios a conta de aforrar en contratacións. Por iso, con estas folgas demándase un reforzo de efectivos e a consolidación do persoal eventual necesario para poder prestar o servizo en condicións de normalidade e sen abafos.

A este respecto, a CIG-Servizos tamén se dirixiu a Inditex para que interveña neste conflito e obrigue a súa contrata a achegar as solucións necesarias, tanto para garantir unhas condicións laborais dignas como para garantir a prestación do servizo ao seu propio persoal. Pois non cómpre esquecer que o servizo de comedor forma parte do salario en especie ao que teñen dereito os traballadores e traballadoras de Indipunt e Pull&Bear das instalacións de Narón.

Volver