A 1ª asemblea nacional de delegadas da CIG en Mercadona marca a estratexia sindical para os vindeiros anos

Abordouse a represión da empresa aos representantes da central e a necesidade de desenvolver campañas para reclamar melloras en xornadas e horarios, tempos de descanso e vacacións

Nacional -

A CIG-Servizos celebrou hoxe en Santiago a primeira asemblea nacional de delegadas/os de Mercadona, na que se marcou a estratexia sindical para os vindeiros anos na empresa de alimentación, ademais de abordarse a represión que padecen os representantes da central por parte da compañía e a necesidade de poñer en marcha campañas para reclamar melloras en xornadas e horarios, tempos de descanso e vacacións.

No encontro que tivo lugar no local nacional do sindicato asistiron cargos da federación en Pontevedra, A Coruña e Vigo, ademais da secretaria nacional, Transi Fernández. Puxéronse en común os problemas que se están a ter coa empresa, entre outros a represión sindical que padecen moitas/os delegadas/as da central tras saíren elixidas/os membros dos comités de empresa.

Ademais, abordáronse as estratexias sindicais para os próximos anos e perfiláronse futuras campañas a desenvolver baseadas nas reivindicacións de mellores xornadas, tempos de descanso, vacacións, horarios, etc.

Resultados das eleccións

Tamén se analizaron os resultados das eleccións sindicais celebradas na empresa nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense, nas que a CIG-Servizos acadou representación, mantendo a maioría absoluta no caso da Coruña e entrando por primeira vez no comité de Pontevedra con 8 representantes e no de Ourense con 6.

“Coa participación da nosa central sindical nos distintos comités estamos a mellorar as condicións de traballo, e sobre todo a conseguir que se respecten os dereitos do conxunto do persoal. Con todo, non hai que esquecer que a pesar de que Mercadona está a obter beneficios millonarios, tal como recoñece o seu presidente nos medios de comunicación, estes non se ven reflectidos nos soldos nin nas condicións laborais das persoas traballadoras”, sinala Fernández.

Volver