A Fiscalía de Ourense denuncia por corrupción, estafa e branqueo a concesionaria da recollida do lixo e o sindicato STL

A CIG presentara escrito en sede xudicial no ano 2020 alertando da existencia dun sistema de contratación irregular baseado no pago de “mordidas”

Ourense -

A Fiscalía de Ourense vén de presentar denuncia no Xulgado contra o xerente de Ecourense, concesionaria do servizo municipal de recollida do lixo e limpeza viaria, o secretario xeral do Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL) e a presidenta da Asociación Impulso ao Emprego (Imprego) pola suposta comisión de tres delitos: corrupción nos negocios, estafa continuada e branqueo de capitais. Esta actuación vén derivada da denuncia presentada pola CIG en 2020 e ampliada en 2023 pola existencia dunha “trama mafiosa” que tería implantado co coñecemento e a participación do propio Concello un sistema de contratación irregular de persoal baseado no pago de “mordidas” a cambio de postos de traballo.

O secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, compareceu onte en rolda de prensa xunto á presidenta do comité de Ecourense e outros/as representantes da central sindical na empresa para dar a coñecer os detalles das dilixencias de investigación incoadas pola Fiscalía, que tal e como subliñou o responsábel sindical supuxeron un cambio transcendente na primeira denuncia presentada hai xa catro anos pola CIG por prácticas “irregulares e mafiosas” en Ecourense UTE (integrada por FCC e Copasa) no que ten que ver coa contratación de persoal. 

A Fiscalía dá por feito que as persoas denunciadas puxéronse de acordo para crear "un sistema clientelar de contratación coa finalidade de alterar a composición do comité de empresa e obter un beneficio patrimonial ilícito” 

A propia Fiscalía considera no escrito de denuncia -na que a CIG estuda presentarse como acusación particular- que hai indicios suficientes da existencia dun acordo entre o xerente de Ecourense, o secretario xeral do STL e a presidenta de Imprego “para crear un sistema clientelar de contratación coa finalidade de alterar a composición do comité de empresa e obter un beneficio patrimonial ilícito”.

Para isto terían creado a asociación Imprego en 2018, entidade que tiña como fin a inserción laboral de persoas en risco de exclusión social, que subscribiu un acordo con Ecourense con este e suposto obxectivo. Entre decembro de 2018 e xuño de 2023 Ecourense contratou un total de 307 persoas, “a metade delas a través de Imprego, que lles cobraba unha media de 70 euros ao mes, ademais de estar obrigadas a afiliarse ao STL, pseudosindicato cuxo secretario xeral era o compañeiro sentimental da presidenta de Imprego”.

Denuncia na Fiscalía

O reparto destas contratacións temporais, das que non se beneficiaban persoas en risco de exclusión social -chegaron mesmo a contratar a filla do secretario xeral do STL-, era nun 50% para FCC e a noutro 50% para Copasa, “que botaba man de persoas próximas”. FCC, pola súa banda, cedeulle a súa cota ao STL, que decidiu constituír Imprego precisamente para xestionar as contratacións.

Pérez Carballo lembrou que xa en novembro de 2018, ante a inminencia dunha contratación masiva mediante este sistema, o comité remítelle á empresa “unha nota de alerta que non foi atendida”. Posteriormente, en maio de 2020, a representación sindical volve alertar desta práctica de contratación e a denuncia que o propio Concello “permite e participa” deste reparto.

Tras isto Ecourense rompe acordo de colaboración con Imprego, “pero na práctica continúan a contratar por esta vía”, polo que a CIG decidiu presentar denuncia na Fiscalía agosto denunciaramos, que optou por arquivar as dilixencias “so non observar indicios de delito”.

Mais en 2023 prodúcese a detención do secretario xeral do STL, da súa compañeira sentimental e presidenta de Imprego e de dúas persoas colaboradoras polas prácticas de contratación no servizo de limpeza da Coruña, “polo que volvemos á Fiscalía para que retomase a denuncia porque en Ourense utilizaban o mesmo modus operandi”.

Tras as dilixencias de investigación practicadas a Fiscalía dá por feito o sistema de “mordidas” e de contratación irregular e ten documentado a existencia de contas bancarias millonarias a nome dos responsábeis do STL, “o seu enriquecemento súbito e o seu elevado nivel de vida, con viaxes e hospedaxes en hoteis de luxo e adquisición de coches de alta gama; até o punto de que chegaron a simular que lles tocara o gordo da Lotería de Nadal”, sinala o máximo responsábel da CIG-Ourense.

Consolidación do emprego

Pérez Carballo incidiu tamén en que en todo este tempo de “loita en solitario” a central sindical tivo que cambiar de estratexia dentro da empresa ante o acoso ao que eras sometidos/as os seus representantes para intentar deixar a CIG sen representación. “Optamos por centrarnos na estabilización do emprego e logramos que 90 persoas pasasen a fixas indefinidas porque caeron en fraude de lei na contratación, a pesar de que o STL intentou evitar a toda costa que ese persoal fose fixo porque sabía que deixarían de pagar a mordida”.

O secretario comarcal da CIG-Ourense valorou a actitude, a valentía e a capacidade de resistencia amosadas pola representación da central sindical en Ecourense ao longo destes anos e expresou a súa satisfacción “porque se está a demostrar que tiñamos razón en todo o que denunciamos, aínda que lamentamos que a Fiscalía non quixese ver antes o que acontecía e que o Concello fixese caso omiso tamén, cando era coñecedor de primeira man do que sucedía”.

Finalmente, fixo fincapé en que na actualidade está en marcha un novo proceso de adxudicación do servizo e as empresas que forman Ecourense UTE (FCC e Copasa) optan ao concurso, pero por separado. “Moito ollo co proceso xudicial aberto porque pode comprometelas”. Neste senso, a presidenta do comité de empresa reclamoulle ao Concello que axilice o proceso para que esta UTE abandone o servizo canto antes.

Volver