Grupo Norte empraza ao comité a unha nova xuntanza para eliminar as discriminacións por xénero

As traballadoras volveron mobilizarse este xoves en demanda de “a igual traballo, igual salario”

Compostela -

As traballadoras de Grupo Norte, concesionaria do servizo de limpeza da Xunta, concentráronse un xoves máis diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, para denunciar a discriminación que sofren por ser mulleres e demandar igualdade salarial e de dereitos. O comité, que mantivo onte unha xuntanza con representantes da empresa, presentou unha nova proposta. Grupo Norte emprazou ás/aos representantes das traballadoras a unha nova reunión que convocará tras valorala.

Tal e como estaba previsto, onte celebrouse unha xuntanza entre comité e Grupo Norte. O seu inicio foi, segundo explica o representante da CIG, Anxo Noceda, “moi tenso” porque a empresa presentou unha proposta “máis regresiva aínda que a anterior”.

Diante desta situación, a representación sindical solicitou un receso tras do que puxo sobre a mesa outra proposta na liña da anterior, pero con matices, para facilitar un achegamento entre as partes.

Noceda sinala que demandaron o recoñecemento da categoría de peón especialista, de forma inmediata, para todas as traballadoras con dous trienios de antigüidade acumulados; o recoñecemento desa categoría a todo o persoal que en diante vaia cumprindo esa antigüidade e facilidades para ir axeitando os salarios ao incremento que esa nova categoría suporía.

Así, a todas as traballadoras que adquiriran esa condición se lles recoñecería un incremento do 25% do seu salario a partir de xullo; outro 25% en xaneiro de 2019; un 25% máis en xaneiro de 2020 e o 25% restante en xaneiro de 2021.

“A proposta foi recollida pola empresa que agradeceu o esforzo da parte social e se comprometeu a estudala, emprazándonos a unha seguinte reunión para a que aínda non temos fixada data”, sinala Noceda.

Desigualdades

Deste xeito comezaría a solucionarse a discriminación salarial e de dereitos que denuncian as traballadoras que, a diferenza dos seus compañeiros, non teñen, ningunha, a categoría de peón especialista, nin cobran, tampouco ningunha, pluses de perigorisade, toxicidade ou penosidade. Unha situación que provoca unha evidente fenda salarial entre traballadores e traballadoras que desenvolven labores semellantes.

Ao remate da mobilización celebraron unha xuntanza diante mesmo da consellaría de Presidencia, onde avaliaron esta nova proposta e acordaron continuar, mentres non se resolva, coas mobilizacións. A vindeira terá lugar o próximo xoves día 28 de xuño.

Volver