A CIG leva á Fiscalía a grave situación de inseguridade que sofren as traballadoras do SAF de Valdoviño

Valdoviño -

A CIG-Servizos vén de dirixirse á Fiscalía da área de Ferrol para pór no seu coñecemento a  situación de grave inseguridade que están a sufrir as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Valdoviño, na atención dun domicilio ao que en ocasións incluso teñen que acudir escoltadas pola Policía Local. A central diríxese ao órgano fiscal por entende que as constantes ameazas e mesmo agresións físicas cometidas polo pai dunha das persoas usuarias do servizo poden constituír un feito delituoso e para reclamar que se poñan todas as medidas precisas para garantir a seguridade do persoal.

Nos últimos meses, a prestación do servizo volveuse moi dificultosa ou "máis ben imposíbel, polas continuas mostras de desprezo, os insultos, as vexacións, as ameazas verbais e mesmo as agresións físicas proferidas cara ás traballadoras que desenvolven o servizo". O secretario comarcal da CIG-Servizos, Francisco Cartelle, que cualifica o comportamento desta persoa de "ignominioso", subliña que xa foron presentadas denuncias ante a Garda Civil por estes feitos e que incluso houbo procedementos xudiciais con sentenza condenatoria.

Malia que a empresa adxudicataria e o Concello de Valdoviño son conscientes da situación e teñen posto a mesma en coñecemento da Xunta de Galiza, responsábel final do servizo, "esta non procedeu a suspender a prestación do servizo, nin a reverter de forma adecuada a problemática en cuestión". Isto está provocando, engade, que as traballadoras encargadas de cumprir a tarefa acudan a esa vivenda con temor "e moitas veces escoltadas pola Policía Local, que agarda no exterior da vivenda". "Nesas condicións, non pode prestarse ese servizo", asevera Cartelle.

Dereito a unha protección eficaz

O art. 14 da Lei de Prevención de Riscos Laborais (LPRL) recoñece a persoa traballadora o dereito a unha protección eficaz nesta materia. "É por iso que temos posto os feitos en coñecemento da Fiscalía, para que tome as medidas legais oportunas que estean ao seu alcance como institución defensora da legalidade, tanto en relación co comportamento desa persoa cara ás traballadoras do SAF, como mesmo respecto de eventuais medidas de protección a tomar respecto da persoa con discapacidade que dela depende".

Para denunciar esta situación as traballadoras xa desenvolveron unha concentración o pasado día 28 de outubro e "continuarán a se mobilizar para dunha vez por todas garantir o dereito a traballar nun entorno seguro".

Volver