A CIG solicita a reconversión en estruturais das prazas creadas en Política Social e o Consorcio pola Covid

Nacional -

A CIG- Administración Autonómica presentou un informe e solicitude á Xunta de Galiza demandando a creación da prazas pola necesidade estrutural dos reforzos derivados da crise da Covid, tanto nos centros residenciais de Política Social como nos do Consorcio de Igualdade e Benestar.

A día de hoxe, o persoal contratado pola Covid sigue traballando, pero a xestión en cada residencia é diferente e é completamente caótica, xa que nuns casos entran en carteleira mentres que noutros non contan para as ratios de persoal porque son “reforzos” e, loxicamente, non poden facelo.

A realidade, subliña Mar Peteira, responsábel de Negociación Colectiva do sector de Autonómica da CIG, "é que as prazas son moi necesarias para o mantemento do servizo público e para atender con calidade as persoas usuarias". A Xunta, engade, tamén o recoñece de forma tácita ao manter os contratos vixentes.

Esta xestión improvisada estase prolongando no tempo e pode convertese "nunha contratación con consecuencias negativas para a administración e as persoas traballadoras xa que as sitúa en fraude de lei". Pero é que ademais, está demostrado que as prazas e o obxecto dos contratos  nestes momentos xa non é unicamente a Covid  "senón que é o funcionamento normalizado destes centros".

"As compañeiras de reforzo son esenciais, son prazas estruturais e forman parte na práctica do cadro persoal e atenden todas as situacións como o resto do persoal", asevera Peteira, subliñando que as residencias precisas de cadros de persoal profesionais e ben dimensionados para atender todas as necesidades. Xunto a isto, salienta que para manter a atención "moitas das veces os dereitos do persoal empregado público son recortados con denegacións sistemáticas de permisos, xa que con cadros de persoal tan xustos e escasos vense condicionados ás necesidades do servizo".

Por todo iso e ante a próxima xuntanza da comisión de seguimento de carteleiras de Política Social, a CIG-Autonómica lémbralle á administración que debe crear as prazas en RPT de maneira urxente, para que se podan ter en conta nos centros e non desaparezan "por caprichos de xestión ou interese políticos".

"Son esenciais, son necesarias para o mantemento da calidade do servizo e non poden seguir nunha situación irregular. Non queda outra que convertelas a prazas estruturais", conclúen.

Volver