A CIG rexeita o acordo de convenio acadado entre EcoLugo e USO por consolidar a perda salarial e non avanzar en dereitos

Lugo -

A CIG amosa o seu rexeitamento ao acordo de convenio colectivo asinado entre a empresa EcoLugo (concesionaria da recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Lugo) e USO por non responden ás demandas sociais, impedir a recuperación do poder adquisitivo e non avanzar en materias como a xornada ou o traballo en festivos.

Cómpre lembrar que EcoLugo entrou no servizo en agosto de 2022 e as negociacións para o novo convenio colectivo (cuxa vixencia rematou a 31-12-2021) comezaron a principios do ano pasado. Mais durante todo este tempo foi imposíbel avanzar nun acordo polas cativas propostas patronais e as pretensións de recortar dereitos xa recoñecidos.

Neste contexto, a representación da USO no comité solicitou unha mediación e o pasado xoves tivo lugar a primeira e única xuntanza, pois de maneira inconcibíbel USO foi cedendo nas demandas sociais até asumir as propostas da empresa e pechar un preacordo de convenio, que ratificaron no día de onte.

Catro anos de salarios conxelados

A CIG (que ten 4 delegados/as nun comité de 9) rexeita os termos deste acordo por canto consolida a forte perda do poder adquisitivo sufrida polo persoal dende o ano 2018. Hai que subliñar que a central nacionalista non asinou o último convenio porque, entre outras cuestións, supuxo a conxelación salarial para os anos 2018-2019-2020 e 2021, xa que os incrementos estaban vinculados á nova concesión.

Cando EcoLugo colleu o servizo procedeu a actualizar as táboas salariais que se asinaran, mais sen aplicar ningunha revisión que permitira compensar a perda da capacidade adquisitiva acumulada nos catro anos previos. Só en 2021 o IPC real foi do 6,5%, mentres que os soldos do persoal permaneceron conxelados.

Agora, as miserentas subas pactadas neste convenio (con vixencia 2022-2024) consolidan este deterioro salarial. Para 2022 estabelécese unha paga única de 300 euros non consolidábeis (o IPC foi do 5,7%), para o ano 2023 o incremento será do 1%(cando o IPC foi do 3,1%) e unha paga non consolidábel de 350€, e para 2024 páctase unha suba do 1,15% e unha paga non consolidábel tamén de 350€.

Estes incrementos resultan totalmente insuficientes e ademais non se contempla ningún tipo de cláusula de revisión que garanta, cando menos, o mantemento da capacidade adquisitiva para os traballadores e traballadoras a futuro. Isto coa gravidade engadida de que os delegados da USO se comprometeran a recuperar os atrasos dos catro anos convencendo o persoal para que demandara o Concello.

Por enriba, tampouco se recolle ningunha mellora na xornada laboral que permita estabelecer tres grupos de libranzas, nin para que a prestación de servizos en domingos e festivos teña carácter realmente voluntario. No convenio anterior, USO e empresa xa acordaran un sistema de traballo nos días festivos polo que se creaba unha bolsa con persoas voluntarias, mais esa voluntariedade queda comprometida no caso de se esgotar a bolsa, momento no que a realización do servizo pasa a ser obrigatorio.

Contratacións e categorías

Desta negociación cabe destacar que se acordou que o persoal con contrato fixo-descontinuo pasara a xornada completa, mellora que a CIG viña demandando e que se asumiu na liña do reclamado pola central nacionalista. Tamén se acordou que aos/ás peóns que estaban a realizar cometidos que correspondían a outra categoría profesional se lles recoñecera dita categoría.

Sobre isto último, aínda que a representación da CIG comparte o fondo da cuestión, hai que subliñar que, tendo en conta que este persoal xa teñen acreditado o seu dereito a reclamar a categoría profesional, esta débese facer por outros medios, posto que deste xeito non se condicionaría a certas cesións que afectan a todo o cadro de persoal e ademais, segundo o acordado, perden o dereito de reclamar as diferenzas económicas de até un ano para atrás.

A CIG critica o entreguismo da maioría do comité ante as posturas da empresa e lamenta que a USO non se sumara ás propostas de mobilización trasladadas pola CIG, co obxectivo de acadar un convenio colectivo digno e que supuxera avances reais nas condicións salariais e laborais dos traballadores e traballadoras.

Volver