A CIG revalida e aumenta a maioría absoluta no comité de Mercadona na provincia da Coruña

A Coruña -

A CIG gañou as eleccións sindicais ao comité provincial de Mercadona na provincia da Coruña ao obter 13 das/os 23  delegados/as que conforman o órgano de representación. Con este resultado, a CIG  non só se consolida como primeira forza na empresa, senón que aumenta a maioría absoluta que xa tiña no comité, grazas ao apoio maioritario recollido entre o cadro de persoal.

Por colexios, no de Especialistas, a candidatura da CIG logrou 13 representantes, mentres que CCOO e UGT sacaron 4 representantes respectivamente. No colexio de Técnicos/as, no que a CIG non presentou lista, tanto UGT como CCOO obtiveron 1 delegada/o.

Para a CIG este demoledor resultado (423 votos dun total de 671 votos emitidos) avala o traballo sindical desenvolvido polas compañeiras e compañeiros nestes últimos catro anos, "feito dende a honestidade, a rigorosidade, e sempre antepondo a defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores a calquera outro interese".

Tamén consolida a presenza dun modelo sindical alternativo nunha empresa como Mercadona, afeita a entender as relacións laborais como unha imposición á marxe da lexislación e caracterizada pola falta de información á representación legal, as presións e as coaccións sobre o persoal para que non exerzan nin reclamen os seus dereitos.

A CIG consolídase na empresa

Pero estas eleccións supoñen tamén un cambio de rumbo na representatividade en Mercadona, na que até hai poucos anos UGT e CCOO ostentaban unha maioría esmagadora, pois á irrupción da CIG no comité da Coruña no ano 2014, súmase agora a forte entrada da central nacionalista nos comités provinciais de Ourense e Pontevedra. Unha entrada que foi posíbel grazas ao camiño aberto polo traballo entregado e o esforzo emprendido polas delegadas e delegados da CIG na Coruña, nomeadamente pola actual presidenta do comité, María López.

Neste senso, as delegadas e delegados entenden que os resultados destas últimas eleccións manifestan o desexo dos traballadores e das traballadoras de Mercadona por avanzar nunhas relacións laborais normais nas que a representación do persoal sexa un órgano de defensa do seus intereses e non "un apéndice do departamento de recursos humanos". Por iso, agradecen o apoio dado á candidatura da CG e reafirman o seu compromiso na defensa dos dereitos e na mellora das condicións de todas as compañeiras e compañeiros.

Volver