A CIG obtén a maioría absoluta nas eleccións de Zara na provincia da Coruña ao lograr 9 delegadas dun comité de 17

Nacional -

A CIG obtivo a maioría absoluta nas eleccións celebradas nas tendas Zara da provincia da Coruña, ao obter 9 representantes dun comité integrado por 17 persoas. Este resultado avala o traballo sindical desenvolvido nos últimos catro anos, marcado pola loita para conseguir uns salarios dignos, mellorar as condicións laborais e sociais e combater a destrución de emprego e a precarización que a multinacional pretende implantar baixo a escusa do proceso de dixitalización das tendas.

Deste xeito, sumando ambos colexios, as candidaturas da CIG lograron 226 votos e 9 delegadas, mentres que as de UGT obtiveron 165 votos e 7 delegadas e as de CCOO sacaron 27 votos e 1 representante no comité provincial.

As delegadas da CIG agradecen a participación das traballadoras e dos traballadores nas eleccións celebradas o pasado xoves e reafirman o seu compromiso na defensa dos dereitos, dos empregos, na mellora das condicións laborais e por seguir dando a batalla para achegar a negociación colectiva aos centros de traballo.

Neste senso, subliñan o éxito da loita levada adiante nos últimos meses para reclamar unhas condicións salariais dignas a través da que se logrou arrincarlle a Inditex un histórico compromiso de incremento dos soldos para o persoal da tendas.

Unha loita impulsada pola CIG e que, enfrontando todo tipo de atrancos, constituíu un exemplo de dignidade e do que a clase traballadora pode conseguir coa mobilización.

Estes resultados revalidan e consolidan o liderado da CIG nas tendas do grupo Inditex na provincia da Coruña, pois a central nacionalista xa acadou con anterioridade maiorías absolutas nas cadeas Stradivarius e Oysho.

Volver