A CIG mobilízase contra o ERE fraudulento presentado por Teleperformance

Reclama a subrogación das 29 persoas afectadas na Coruña e apunta á responsabilidade de Vodafone

A Coruña -

A CIG mobilizouse este luns diante da Delegación do Goberno para denunciar o ERE fraudulento promovido por Vodafone e Teleperformance e reclamar a subrogación das 29 persoas afectadas no centro de chamadas da Coruña.

Hai que lembrar que Teleperformance presentou un despedimento colectivo para desfacerse do persoal que presta servizo a Vodafone, tras a operadora de telecomunicacións abrir un centro propio en Valladolid que supostamente ía nutrir con traballadores e traballadoras das contratas.

“Pero en realidade o que nos atopamos é que está finalizando os contratos coas súas auxiliares, como é o caso de Teleperformance, que á súa vez despide o persoal de maneira barata a través dun ERE”, denuncia o secretario da CIG-Banca da Coruña e delegado de persoal, Sergio Toucedo.

Apunta á complicidade entre ambas empresas e reclámalle a Teleperformance que recupere a actividade deslocalizada, principalmente a Colombia, como o servizo de atención á clientela de UFD (100 empregos) e Servihabitat (50), “que xa se prestaban na Coruña e que permitirían recuperar emprego e manter os postos de traballo que agora se queren suprimir”.

Teleperformance desvirtúa os datos

En todo o Estado, o expediente de extinción afecta a máis de 300 persoas. Toucedo considera que a formulación da empresa “non é a correcta”, xa que hai centros con só dúas persoas afectadas e outros como Sevilla onde hai 19, “mais que xa non daban servizo a Vodafone dende outubro pasado. Teleperformance está desvirtuando os datos para xustificar este ERE”, advirte.

Explica que na Coruña incluso hai persoal que fora recolocado previamente noutras campañas pola baixada da carga de traballo “e, ademais, detectamos movementos bastante sospeitosos, como sacar persoal da campaña de Vodafone a outros servizos xusto hai un mes”. Esta manobra serviríalle á empresa “para quedar co persoal que lle interesa, utilizar o ERE para botar á rúa de maneira económica a aquelas traballadoras e traballadores máis veteranos -que teñen case 20 anos de antigüidade- e seguir a precarizar as condicións laborais”.

Valora que nun tempo no que os avances tecnolóxicos facilitan a prestación dos servizos e a realización do emprego dende calquera punto do globo, “non se entende que o Goberno non tome medidas que impidan ás empresas xogar co noso sustento”. De aí que a concentración deste luns se desenvolvera diante da Delegación do Goberno español en Galiza.

O representante sindical reitera que “imos pelexar para que este ERE non se materialice e se manteña o emprego na Coruña, porque non hai razóns obxectivas para os despedimentos”.

Volver