A CIG mobilízase contra o despido represivo da súa cabeza de lista na residencia Monte Tecla da Guarda

Desenvolveu unha concentración diante das instalacións para reclamar a readmisión da traballadora afectada

A Guarda -

Delegados/as sindicais da CIG mobilizáronse hoxe ás portas da residencia de maiores e centro de día Monte Tecla da Guarda para rexeitar o despido represivo da cabeza de lista da súa candidatura ás eleccións sindicais. A central, que xa recorreu a decisión da empresa no xulgado, continuará coas protestas até lograr a readmisión da traballadora afectada.

A concentración, na que tamén participaron empregadas/es da residencia, desenvolveuse de 11:00 a 12:00 horas diante das instalacións situadas na rúa Praia de Camposancos ao berro de “Despedida readmisión”, “Non á represión”, “Sancións e despidos para os directivos”, “Non somos escravas, somos traballadoras” e “Estamos cansadas de ser explotadas”.

Dende a Unión Local da CIG do Baixo Miño explican que a dirección de Monte Tecla despediu a traballadora que encabezaba a candidatura da central sindical xusto un día antes de que se presentase oficialmente a lista, “porque aínda que intentamos facer todo o traballo sindical coa máis absoluta discreción para evitar represalias como xa ocorrera en 2006, alguén se debeu de enterar e a información chegoulle á empresa”.

De feito, a dirección alude a supostos motivos disciplinarios para rescindirlle o contrato a unha persoa con 13 anos de antigüidade na compañía, “pero está claro que se trata dun despido represivo por formar parte da nosa candidatura”. En consecuencia, os servizos xurídicos da CIG xa recorreron no xulgado a decisión para reclamar a súa nulidade e agardan que a traballadora sexa remitida.

Como tamén fóra readmitida en 2006 a candidata da central ás eleccións sindicais tras unha sentenza na que se recoñecía que o seu despido supoñía unha vulneración de dereitos fundamentais, en concreto do dereito de liberdade sindical. Durante catro anos esta traballadora foi a representante da CIG nun comité de cinco membros, mais tras a súa saída da empresa en 2010 a central non puido volver presentar lista.

Dignidade e compromiso

Si o logrou nesta ocasión despois de ter que realizar un intenso traballo sindical practicamente na clandestinidade e con total discreción para evitar as presións da empresa. Finalmente configurou unha candidatura de 16 persoas, “que a dirección intentou botar abaixo ofrecéndolles mellores postos ou ameazando con facerlles a vida imposíbel se se presentaban”. Mais as traballadoras/es están a aguantar, “demostrando a súa dignidade e o seu compromiso”.

A dirección tamén manobrou xunto ao CSIF, sindicato que ostenta a representación na actualidade, para intentar manter un comité de cinco membros, cando supera as 100 empregadas/os. Pero as alegacións da CIG obrigaron a que no proceso do vindeiro día 30 se teñan que escoller nove representantes.

Iso si, intentaron tamén que fosen sete no colexio de especialistas e dous entre o persoal técnico e administrativo co obxectivo de reducir as posibilidades da CIG, xa que só presenta candidatura entre os especialistas. Para isto pasaron un cociñeiro a persoal técnico, aínda que o laudo arbitral deulle a razón á CIG, de xeito que se van escoller oito representantes nun colexio e un no outro.

Finalmente, dende a central sindical queren deixar moi claro que ademais de recorrer o despido no xulgado continuarán coas mobilizacións para esixir a readmisión da traballadora despedida “nun claro caso de represión sindical dunha empresa cunha longa traxectoria neste tipo de prácticas”.

Volver