A CIG mobilízase contra a política de despidos exemplarizantes e redución do persoal do Banco Santander

A Coruña -

Delegados e delegadas CIG concentráronse este xoves diante dunha oficina do Banco Santander na Coruña en rexeitamento ao despedimento inxusto e inxustificado dun compañeiro e para denunciar a política de "desvinculacións" que aplica a entidade. A sección sindical critica que estes despedimentos (disciplinarios ou mediante baixas voluntarias forzadas) forman parte da política de amedrentamento e adelgazamento progresivo dos cadros de persoal.

Maite Freire, da sección sindical da CIG no Santander, explica que neste caso concreto, o compañeiro foi despedido no medio da súa xornada laboral, sen máis advertencia que unha chamada para que acudira a Recursos Humanos onde lle fixeron ler unha carta que era a comunicación do seu despedimento por suposta baixa produtividade.

O traballador é executivo comercial con obxectivos de venda, pero nos últimos meses tivérono facendo substitucións en oficinas da zona, polo que non podía vender, e despois tivo que coller un período de vacacións por motivos persoais. Agora o banco considera que a súa produtividade baixou e decide aplicarlle un despedimento procedente. Pero en banca, apunta Freire, non existen os despedimentos por baixa produtividade, polo que a medida vai ser recorrida na vía xudicial.

Reducir aínda máis os cadros de persoal

A sección sindical advirte que este non é un caso illado, senón que forma parte da política sistemática de "desvinculacións" que ten en marcha o Banco Santander co obxectivo de reducir, aínda máis, os cadros de persoal e eliminar a atención presencial por unha banca totalmente dixitalizada.

"Resulta curioso que se a empresa despedide por algo tan concreto como unha baixada da produtividade, os despedimentos se produzan de maneira simultánea en diversas provincias a finais de cada trimestre e que afecten ao mesmo perfil: persoas con menos de 50 anos, de niveles baixos e con indemnizacións cativas". "Para que te boten deste banco non tes que facer nada máis que ter o perfil e a idade adecuada e un despedimento barato", critica Freire.

Ao mesmo tempo, o banco tamén ten en marcha unha política de expulsión das persoas maiores de 55 anos, mediante baixas voluntarias que chegan despois de someter a este persoal a traslados e diversas medidas de presión.

"A impresión que temos é que o Banco Santander non quere manter as oficinas", incide. Ao punto que a entidade acaba de comunicarlle á representación social un listado de oficinas na Coruña que quedan sen atención en caixa. "Non se vai atender a clientela nestas oficinas, teñen que ir directamente ao caixeiro ou a outras oficinas. Consideramos que estes movementos están encamiñados a pechar sucursais e a reestruturar e reducir aínda máis o cadro de persoal".

Freire destaca que, hai catro anos, só na Coruña o número de traballadores e traballadoras do Banco Santander superaba ás mil persoas, cando a día hoxe, "cos datos que temos, en Galiza hai un total de 1.300 empregadas e empregados e na Coruña non chegamos a 650". E mentres se reduce o cadro da rede de oficinas, "contrátase nos departamentos tecnolóxicos até que se poñan en funcionamento os proxectos e se despida tamén a este persoal".

Plataforma financeira

Nun momento de récord histórico de beneficios e rendibilidade, "a entidade xa fala de convertese nunha plataforma financeira, non pretende competir con oficinas presenciais". Nese escenario, "as traballadoras e os traballadores non somos precisas e a empresa non ten conta nin o dereito das persoas maiores a ser atendidas por persoal cualificado (e non por asistentes virtuais), nin a súa responsabilidade social coa clientela tecnoloxicamente máis vulnerábel e cos seus traballadores e traballadoras".

Volver