A CIG-Ourense protesta pola complicidade de Prosegur e a inacción da Universidade nunha agresión machista

Delegados/as sindicais do sector da seguridade privada solidarizáronse coa compañeira afectada

Ourense -

A federación de Servizos da CIG desenvolveu hoxe unha concentración ás portas do edificio xurídico e empresarial do campus sur da Universidade de Vigo en Ourense para denunciar a complicidade de Prosegur e a inacción da Universidade diante dunha agresión machista.

A central sindical denunciara publicamente o pasado 30 de agosto o comportamento da dirección da empresa de seguridade ante un caso de violencia machista e acoso laboral neste centro de traballo, acusándoa de encubrir o traballador que lle provocou lesións a unha compañeira, á que mesmo intentou atropelar en varias ocasións. Tamén criticara a inacción da Universidade ante uns feitos que foron denunciados no Xulgado do Penal e na Inspección de Traballo. 

O agresor segue no seu posto, e mesmo está a cubrir a baixa da afectada

Pois ben, a día de hoxe nin Prosegur nin a Universidade teñen feito nada ao respecto, segundo sinala Natividad Álvarez, secretaria comarcal da CIG-Servizos de Ourense, polo que a central sindical decidiu convocar esta protesta diante do centro de traballo da afectada na que participaron numerosos/as delegados do sector da seguridade privada ao berro de “Prosegur permite as agresións machistas” e “A Universidade mira para outro lado”.

A pesar de que o incidente tivo lugar o pasado 20 de agosto, a compañía segue sen activar ningún tipo de protocolo, até o punto de que o agresor continúa no seu posto de traballo, mentres a afectada se atopa de baixa dende entón. “E o que é peor, este traballador está cubrindo a baixa da persoa á que agrediu”. Por iso coa mobilización de hoxe a CIG pretende forzar a Universidade -como cliente de Prosegur- a que lle esixa á empresa que cando menos retire o denunciado deste centro de traballo como medida cautelar.

Próxima mobilización

“O que están a facer non ten nome, porque ademais de mirar cara a outro lado semella que mesmo premian o agresor, porque ademais de seguir no seu posto está a cubrir a baixa da compañeira agredida”, lamenta Álvarez.

Ao mesmo tempo, a responsábel sindical indica que a CIG tivo que presentar tamén reclamación diante do INSS para que a baixa sexa recoñecida como accidente laboral, xa que a mutua négase a facelo, polo que afectada atópase de baixa por enfermidade común. Finalmente anuncia que as mobilizacións continuarán nos vindeiros días. De feito, para o próximo día 19 hai convocada unha nova concentración, nesta ocasión diante da sede de Prosegur na Coruña ás 10:00 horas.

Volver