A CIG mobilizarase na Coruña, Vilagarcía e Lugo para reclamar un convenio digno nos grandes almacéns

Vai iniciar unha campaña de protestas en distintos establecementos por todo o país para rexeitar os intentos da patronal de precarizar aínda máis o sector

Nacional -

A CIG-Servizos vén de anunciar a convocatoria de mobilizacións para este venres día 10 ás 12:00 horas na Coruña (Carrefour da rúa Francisco Pérez Carballo, 5), Lugo (estrada da Coruña, km 501) e Vilagarcía (Alcampo da Avenida das Carolinas, 25) co obxectivo de reclamar un convenio digno para o persoal dos grandes almacéns e rexeitar os intentos do empresariado de precarizar aínda máis as condicións laborais no sector. De feito, na súa proposta non achega novos avances sociais e pretende unha suba salarial insuficiente.

Dende a central sindical denuncian que o patronal ANGED propuxo na mesa de negociación do convenio estatal que se constituíu o pasado 3 de febreiro a modificación de varios tipos de contrato (formativos, circunstancias da produción, substitución e fixos descontinuos), pretendendo que os que se subscriban por circunstancias da produción poidan estar vixentes nove meses en lugar dos seis que establece a normativa. 

A patronal non está disposta a rematar co traballo en domingos e festivos

Ademais, nos contratos de substitución (antigo interino), que son necesarios para suplir a persoas traballadoras, retiran a posibilidade de trasladarse a outros centros. E nos fixos descontinuos a tempo parcial queren establecer un período mínimo de ocupación, de natureza estacional e por campañas, quedando en mans das empresas as chamadas de persoal.

As persoas que se acollan a este contrato terán garantido un período de traballo mínimo de 120 días, dos que 90 serán continuados, todo por espazo de 12 meses. Neste período a persoa traballadora prestará un mínimo de cinco horas traballo de media ou catro horas de traballo efectivo cada día.

Ademais, o empresariado non está disposto a rematar co traballo en domingos e festivos, achegando unicamente unha proposta para reducilo. “É imposíbel que acepten eliminar o traballo obrigatorio en domingo, xa que todos os sindicatos estatais aceptaron isto hai anos”. A respecto do incremento da antigüidade, ANGED adiantou que non está disposta a tratar nunca este punto, dado que xa está conxelada”.

Suba salarial insuficiente

De xeito que non se achegan avances en materia social, “xa que o único que lles preocupa é precarizar máis o sector cos contratos fixos descontinuos a tempo parcial”. A central sindical, que conta con representación na mesa de negociación dun convenio que afecta a 250.000 persoas en todo o Estado pero que segue a reclamar un convenio galego para o sector, ten manifestado en numerosas ocasións que un fixo descontinuo xa é en si un tempo parcial, “e que traballar soamente 120 días ao ano precariza aínda máis a situación laboral das persoas traballadoras".

En canto á suba de salarios, a patronal ofrece un incremento do 4% en 2023, do 3% en 2024, do 2% en 2025 e do 2% en 2026. Ao que habería sumarlle a 31 de decembro de 2026 unha paga variábel non consolidábel dun máximo do 2%. “Esta proposta é absolutamente insuficiente, tendo en conta que o IPC real de 2022 foi un 5,7%, polo que a oferta de ANGED non mellora as nosas condicións económicas nin sociais”. Por iso na CIG, ademais de pola mobilización, apostan por contar cun convenio galego como único xeito de rematar coa precariedade no sector.

Volver