A CIG manifesta o seu máis rotundo rexeitamento aos despedimentos que pretende H&M

Advirte de que entre os tres centros afectados pode haber máis de 80 persoas despedidas

Nacional -

A CIG-Servizos manifesta o seu rotundo rexeitamento ao ERE proposto por H&M e oponse a que haxa mais despidos. Informa de que nestes días estase a falar con todo o persoal afectado para en breve celebrar asembleas e tomar as decisións que posiblemente deriven en mobilizacións, xa que entre os tres centros haberá máis de 80 persoas despedidas.

Lembra que desde hai máis de 3 anos H&M vén practicando despedimentos e peches constantes, o que xa provocou a convocatoria de varias folgas coas que se conseguiu que varios centros se mantivesen abertos ata o día de hoxe.

Informados por burofax

Por medio de burofax a empresa Hennes & Mauritz, S.L. (H&M) trasladou á CIG, aos efectos de dar cumprimento ao disposto no apartado 2 da Disposición Adicional Sexta do Real Decreto 1483/2012, do 29 de outubro, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada, a comunicación presentada pola empresa o día 25 de xaneiro ante a Dirección Xeral de Traballo do Ministerio de Traballo e Economía Social.

A comunicación é para dar cumprimento á obriga do apartado 1 desa norma, que establece que "as empresas que pretendan proceder ao peche dun ou varios centros de traballo, cando iso supoña o cesamento definitivo da actividade e o despedimento de cincuenta ou máis persoas traballadoras, deberán notificalo á autoridade laboral competente.

Nesa Disposición Adicional establécese ademais que esta notificación debe presentarse cunha antelación mínima de seis meses ao comezo do período de consultas do despedimento colectivo.

Na comunicación remitida á CIG cítanse os centros nos que están a estudar o peche de traballo das tendas, que son: Badalona, Zaragoza, Elche, León, Torrevieja (Alicante), Lorca, Almería, Torrelodones (Madrid), Salamanca, León,  Girona,  Villamarina de Viladecans (Barcelona), Jerez de la Frontera, Sanlúcar de Barrameda, Portugalete (Vizcaya), Palencia; Albacete, Santa Cruz de Tenerife, Talavera de la Reina (Madrid), Algeciras, Alcalá de Guadaira (Sevilla),Camaretas de Golmayo (Soria), Sevilla, Melilla, Orihuela (Alicante).

Na Galiza atinxiría aos centros de Lugo (As Termas), Ferrol (Dolce Vita) e Vigo (c.comercial Gran Vía). Segundo informa a empresa o peche dos citados centros de traballo estaría xustificado pola concorrencia de causas de índole produtiva, organizativa e económica e afectaría a mais de 500 persoas traballadoras, a maioría mulleres con contratos a tempo parcial.

H&M comunica tamén que o inicio do período de consultas cos representantes dos traballadores iniciarase, a partires de setembro de 2024, pero que antes pecharán 4 centros (Sevilla, Torrevieja, Alcalá de Guadaira e Zaragoza) sendo as traballadoras recolocadas temporalmente noutros centros ata que se complete o ERE.

Para a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, é “intolerable” que “estas empresas multimillonarias que gañan cartos a moreas, non se cansen de seguir despedindo e pechando tendas onde queren”. Nese sentido denuncia que “non lles basta con explotar ás traballadoras e precarizalas con contratos temporais e parciais”.

Volver