A CIG gaña as eleccións sindicais en Mercadona Ourense ao lograr 6 de 13 representantes

A central impúxose con claridade a pesar de ser a primeira vez que presentaba candidatura na cadea de supermercados

Ourense -

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas este mércores 23 en Mercadona Ourense ao lograr 6 dos 13 representantes que se escollían no comité de empresa. A central sindical impúxose con claridade a CCOO e UGT a pesar de que ser a primeira vez que presentaba candidatura ao proceso.

Con 147 votos obtidos, contra 63 de CCOO e 84 de UGT, a CIG obtivo seis representantes no colexio de especialistas, por tres de cada un dos outros sindicatos. A UGT logrou o único posto en disputa entre o persoal técnico, impoñéndose a CCOO por 6 votos contra 1.

A central sindical sumou 147 votos, por 90 da UGT e 64 de CCOO 

Convén sinalar que era a primeira vez que a CIG presentaba candidatura nesta empresa de supermercados, que durante moitos anos fixo todo o posíbel para que a central non tivese representación sindical. Julia González, da federación de Servizos de Ourense sinala que “foi precisamente esa obstinada obsesión da empresa por impedir a presenza da CIG a que nos valeu o apoio masivo dun persoal que, unha vez conseguida a presentación da candidatura, apostou por un cambio de 180º”.

"Asumimos o reto con entusiasmo"

Por iso agradece o apoio recibido por parte de todas as traballadoras e traballadores que fixeron posíbel este cambio e reafirma o compromiso da central sindical na mellora das condicións de traballo e na defensa dos dereitos laborais do conxunto do cadro de persoal. “Asumimos o reto con entusiasmo”, sinala González.

Finalmente, traslada os parabéns de toda a CIG á candidatura que concorreu ás eleccións de Mercadona pola “valentía” demostrada e polo “impecábel” traballo de información que fixeron, “roubándolle horas ao seu descanso”. “Agora só queda traballar e organizarse para unha mellor defensa dos intereses de todo o persoal de Mercadona e dunhas condicións de traballo dignas”, remata.

Volver