A CIG do Deza forza a municipalización do SAF do Concello de Silleda

A central logrou tamén un acordo para saldar as débedas co persoal

Silleda -

As mobilizacións e as reclamacións xudiciais feitas pola Unión Local da CIG no Deza levaron finalmente o Concello de Silleda a rescindir o contrato coa empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cuxa xestión será asumida de xeito directo polo Concello a partir do 1 de febreiro. Ademais, a central sindical chegou a un acordo extraxudicial co Goberno local para que proceda a liquidar todas as débedas pendentes co cadro de persoal.

Foi o propio alcalde da localidade pontevedresa quen convocou a unha representación da CIG a unha xuntanza tras a concentración celebrada o pasado 3 de decembro diante do consistorio para denunciar o atraso no pago das nóminas e as débedas salariais da empresa adxudicataria, Pedroso y Rojas (Saluvi). Nesa reunión, celebrada o pasado 30 de decembro, o rexedor confirmou que ía rescatar o servizo, que pasaría a ser asumido polo propio Concello. 

O cadro de persoal aínda non cobrou a nómina do mes de decembro 

Para levar a cabo a rescisión do contrato solicitoulle aos representantes da CIG un informe coas denuncias por impago presentadas pola central contra a empresa, xa que as empregadas/os levan máis de ano e medio percibindo os seus salarios con atraso porque a compañía adoita abonalos a partir do día 15 como moi cedo. De feito, a estas alturas de mes as arredor de 40 traballadoras/es aínda teñen pendente o soldo de decembro, así como as actualizacións salariais de convenio do ano pasado.

Mais estas non son as únicas débedas da empresa, xa que ademais dos arredor de 150.000 euros coa Seguridade Social polos distintos SAF que xestionaba, tamén ten que abonarlles catro meses de salario a dúas afiliadas da CIG do SAF de Silleda que decidiron reclamar xudicialmente as cantidades e ás que deixou de pagarlles a modo de represalia.

Xestión pública indefinida

Unha vez a CIG lle remitiu o informe coas denuncias ao Concello, os responsábeis municipais mantiveron unha xuntanza coa adxudicataria o pasado mércores na que a empresa asinou a renuncia ao servizo. Hoxe mesmo unha representación da CIG reuniuse co Goberno local para abordar a forma de liquidar canto antes as débedas pendentes co persoal do SAF. Como mostra de boa vontade e agardando unha pronta resolución do conflito, a central sindical decidiu desconvocar a protesta prevista para o pasado venres.

Dende a Unión Local do Deza amosan a súa satisfacción polo feito de que o servizo vaia ser municipalizado -polo de agora de xeito provisional para levar a cabo o seu saneamento económico- pero agardan que o Concello asuma indefinidamente a súa xestión, tal e como semella que o Goberno local está disposto a facer. “Na CIG sempre mantivemos que a privatización do SAF encarecía e debilitaba o servizo”.

Volver