A CIG faise con todo o comité do 112 nas primeiras eleccións sindicais tras da folga de 83 días en 2017

Foi a única candidatura presentada e obtivo as 5 delegadas que conforman o organismo

Compostela -

A candidatura da CIG, a única presentada, obtivo as 5 delegadas ao comité de empresa do 112 nas primeiras eleccións sindicais que se celebran tras da histórica folga convocada polo sindicato en 2017 e que se prorrogou durante 83 días. A central sindical considera que os resultados veñen recoñecer aquela loita na que se mantivo unido todo o persoal, fronte a empresa e a Xunta de Galiza, e na que as traballadoras e traballadores do servizo conseguiron gañar o pulso.

A este respecto, a reelixida presidenta do comité, Isabel Moares, considera que o persoal “quería mandarlle así un recado tanto a empresa como á Xunta de que segue apoiando á CIG e o seu modelo sindical”, ademais de que recoñecer o traballo que se desenvolveu durante todo este período.

O comité mantivo, desde que rematou a folga, a vixilancia do cumprimento do laudo asinado que, ademais foi integrado nas plicas; do cumprimento dos acordos laborais entre empresas e comité, algo que segundo Moares “intentaron saltarse en varias ocasións, sen éxito, despois de duras negociacións en diferentes reunións tanto coa concesionaria como coa AXEGA”.

Xunto a isto, defendeuse a protección e mellora das condicións laborais do persoal de bolsa, que, aínda que seguen sendo condicións precarias “si conseguimos que teñan contratos de máis longa duración” e evitáronse abusos por parte da empresa, como horarios sen descansos en fins de semana.

Canda isto conseguíronse incrementos salariais, marcados no anterior convenio e que a empresa negaba,  así como melloras nalgúns plus.

A candidatura, conformada por 37 traballadoras e traballadores, acadou 52 votos, todos a favor da CIG e sen que houbera ningún branco nin nulo. Isabel Moares lamenta que, por razóns persoais, unha compañeira histórica no comité, Purificación Torres, non puidera recuncar desta volta, mais traslada o seu recoñecemento e o de todas as compañeiras e compañeiros polo traballo que ten desenvolvido en todos estes anos.

Con este apoio Moares apunta agora como obxectivo do comité conseguir melloras salariais “para intentar paliar a desgraza do novo convenio”, que vén de ser asinado en Madrid; mellores condicións horarias e, sobre todo, “a nosa idea é ir a polo rescate do servizo e que pase a ser, realmente, un servizo público en todas as súas dimensións”.

Volver