A CIG exixe a xestión pública das residencias de maiores, única garantía dun servizo de calidade

Denuncia que a Xunta vai licitar a xestión privada das residencias da Fundación Amancio Ortega

Nacional -

A Xunta volve “externalizar” para as empresas privadas a xestión dos servizos públicos e licita os servizos de atención das dúas primeiras residencias de maiores das sete doadas pola Fundación Amancio Ortega. Así o denuncia a CIG-Administración Autonómica que exixe a súa xestión pública. “A rede pública, de xestión tamén pública, é a única que garante un servizo de calidade e protexe as persoas usuarias fronte aos abusos das empresas que prestan estes servizos, como xa se viu na pandemia da COVID”, afirma.

Estudos realizados tras a COVID19 sobre as persoas maiores das residencias avaliaron a relación directa entre o número de persoas falecidas na pandemia co tamaño das residencias e a súa xestión (pública ou privada) e constatouse que a porcentaxe foi moito maior nas residencias privadas que nas públicas. “Elementos como o gasto público, cociente de cobertura, titularidade e tamaño tiveron unha relación directa cos falecementos nos centros residenciais”, afirman. 

As grandes empresas queren trincar ben neste gran bocado que é o sector da atención á dependencia

Neste sentido sinalan que na pandemia, o 94,3% das mortes nas residencias galegas nos primeiros 9 meses foi en centros de xestión privada. Dos 509 falecementos, 480 eran usuarios/as de centros a cargo de entidades privadas, incluídas as públicas con xestión privada, mentres que os restantes 29 falecidos (5,7%) producíronse en residencias de xestión directa e con persoal público, segundo os datos recollidos pola CIG-Administración Autonómica dnha sentenza do TSXG do 23 de maio de 2022.

Apuntan ademais que, no caso das privadas, sobre o que custa dar un servizo con centros e persoal público, hai que engadir o beneficio empresarial. Por iso entenden que “as grandes empresas queren trincar ben neste gran bocado que é o sector da atención á dependencia”.

Lembran a denuncia pública feita polos Inspectores de Servizos Sociais no mes de agosto na que acusaban á Consellería de Política Social e Xuventude de “filtrar” aos centros de maiores privados a data das visitas, obstaculizando a súa eficacia na supervisión e control.

Pasou pouco tempo desde que o goberno galego, para branquear a nefasta xestión das residencias e a xestión da dependencia, apostou publicamente por un cambio na xestión, tamaño e distribución das residencias ao longo do territorio. Aposta que, afirman “era un lavado de cara e propaganda”.

Por iso a CIG-Administración Autonómica reafirma a súa demanda de que a xestión das residencias sexa pública, con persoal público e garantindo a universalidade do servizo de atención á dependencia.

Volver