A CIG e Xiara reclaman igualdade de dereitos e a dignificación laboral para as empregadas do fogar

Demandan a regularización das traballadoras migrantes para evitar a súa explotación e que se negocie un convenio colectivo

Nacional -

Con motivo do Día Internacional das Traballadora do Fogar, que terá lugar mañá xoves, día 30 de marzo, representantes da CIG e da Asociación de Empregadas do Fogar, Xiara, compareceron en rolda de prensa para denunciar a situación de desprotección na que se atopan estas traballadoras e reclamar igualdade de dereitos e a súa dignificación laboral.

Para contextualizar a situación, a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro Monteiro lembrou que en 2011 a OIT adoptou o convenio 189, por un traballo decente para as persoas empregadas do fogar, que non foi ratificado polo Estado español até xuño de 2022, once anos máis tarde.

Apuntou que, en todo caso, con anterioridade a esta ratificación, en febreiro de 2022, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea emitiu sentenza favorábel á demanda dunha traballadora do fogar galega, considerando “inxustificada” a negativa do dereito de prestación por desemprego ás traballadoras do fogar, único colectivo profesional sen este dereito, e valorando que “esta desprotección da lexislación española con este colectivo constituía unha discriminación indirecta por razón de sexo, ao se tratar dun traballo desempeñado case exclusivamente por mulleres”.

Considerou que a raíz desta sentenza, o 8 de setembro publicábase o Real Decreto-Lei “para a mellora das condicións de traballo e de Seguridade Social para persoas traballadoras como empregadas do fogar”. Unha norma que “carece de ambición e non contempla a igualdade real de dereitos laborais deste colectivo”, dixo.

Neste sentido subliñou que as traballadoras do fogar e de coidados “non se inclúen no Réxime Xeral da Seguridade Social” e que, en todo caso, a prestación por desemprego “non se comezará a facer efectiva até novembro de 2023, independentemente de que estas traballadoras estivesen de alta na seguridade social con data anterior a outubro de 2022”. Ademais denunciou que en caso de incapacidade permanente “non haberá protección até dentro de 4 anos -5 desde a saída do RD-“.

Xunto a isto considerou que “a seguridade e saúde no traballo fica nunha declaración de intencións” e que se deixa para o futuro a elaboración dun cadro de enfermidades profesionais con perspectiva de xénero. “O despedimento segue tendo máis facilidades pois abonda con alegar perda de confianza e a indemnización en caso de despedimento procedente será de 12 días por ano fronte aos 20 que se contemplan para o resto das persoas traballadoras”. 

Traballadoras internas

A secretaria das Mulleres da CIG puxo o acento sobre as traballadoras internas, cuxa situación non está contemplada neste RD malia ser “as que sofren unhas condicións de vulnerabilidade maior”, mais tamén sobre as migrantes, considerando que mentres continúe sen atenderse por parte do goberno a súa regularización, unha parte moi numerosa de traballadoras do fogar “seguirá imposibilitada para normalizar a súa situación laboral”.

Por iso reivindicou igualdade de dereitos e dignificación de todos os traballos de coidados, xa sexan desenvolvidos nos fogares ou en centros socio-sanitarios públicos ou privados e insistiu en que “é inadmisíbel que os traballos desempeñados por mulleres maioritariamente non teñan aínda igual recoñecemento en salarios e dereitos”.

Neste sentido deu conta do traballo desenvolvido pola CIG cara a consecución dun convenio galego de traballo no fogar no seo do CGRL, para que se regulen as condicións de traballo e se equipare este sector co resto da clase traballadora.

Unhas 60.000 empregadas do fogar

Segundo a representante de Xiara, Teresa Rodríguez Vilaseco, hai 24.280 persoas de alta na Seguridade Social como empregadas do fogar (preto do 100% son mulleres) e, en Galiza, o 25% aproximadamente son migrantes. Porén, até un 60% a maiores estarían desenvolvendo a súa actividade na economía somerxida, co que a cifra chegaría ás 60.000.

Respecto do RD incidiu en que mentres a Seguridade Social que paga a parte empregadora está bonificada case nun 80%, a parte que corresponde pagar ás traballadoras segue estando nas mesmas condicións e explicou que malia intentar que a Inspección de Traballo puidera confirmar as condicións laborais nas que se atopan estas traballadoras esta declinou facelo “por non poder entrar en domicilios de particulares”. Por iso denunciou a falta dun regulamento para o réxime das empregadas internas, que moitas veces carecen doutro domicilio e sofren situacións “moi graves” entre as que apuntou mesmo “secuestros”.

Insistiu en que as empregadas do fogar “desenvolven un labor social” porque “están cubrindo unha necesidade social de coidados e conciliación” e, entendendo que para moitos fogares con diferentes niveis de ingresos o seu labor é esencial, demandou “que se bonifiquen ás familias con menos recursos para que as traballadoras poidan cobrar o SMI”.

Prevención de riscos

Rodríguez Vilaseco, que representaba tamén nesta rolda de prensa o Foro Galego de Inmigración e a Plataforma polo Emprego, denunciou ademais que as traballadoras do fogar carecen de dereitos tan básicos como medidas de prevención de riscos laborais. Cuestión á que tamén se referiu a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández quen lamentou que non haxa maneira “de contrastar as garantías de saúde” coas que contan, porque nas casas, por exemplo, “non hai grúas” para mobilizar as persoas dependentes.

Nese sentido explicou que as traballadoras internas están, en moito casos, en domicilios nos que non dispoñen de habitacións con espazo abondo, ou nos que non se lles permite empregar o mesmo baño que a familia, polo que “teñen dificultades para o aseo” pero que non denuncian porque moitas non teñen papeis, o que, denunciou, “favorece a súa explotación”.

Respecto do SMI, lamentou que “ninguén se preocupe porque se cumpra” e explicou que na maioría dos casos as propias traballadoras aceptan cobrar menos, porque de ter que cinxirse ao SMI as familias empregadoras quitaríanlles horas e, polo tanto salario.

Do mesmo xeito lamentou que non haxa garantías en caso de desemprego ás que poidan acollerse porque o seu despedimento é tan doado de xustificar como simplemente argüír que “xa non confían nelas”.

Volver

Novas relacionadas