A CIG desmárcase do convenio de hostalería da Coruña por non recuperar nin garantir o poder adquisitivo dos salarios

A Coruña -

Tras máis de tres anos de negociación, incluídas 11 reunións con mediación, os sindicatos UGT e CCOO alcanzaron un acordo coa patronal de hostalería da provincia da Coruña para renovar o convenio colectivo do sector. A CIG non asinou este acordo porque non permite recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos nin garante o mantemento da capacidade adquisitiva dos salarios das traballadoras e dos traballadores.

A CIG-Servizos explica que este sector, un dos máis importantes da economía do país mais fortemente precarizado e de baixa sindicación, levaba co convenio caducado dende 2019. "Ese foi o primeiro ano no que non houbo actualización salarial do último período, malia as altísimas cifras de beneficios acadadas no ano da pre-pandemia e as millonarias axudas á patronal dos peores meses da crise covid", aclaran.

A pesar do fortísimo incremento da facturación dos hoteis, restaurantes, cafeterías, pensións e demais instalacións hostaleiras tras da pandemia, o pacto salarial acadado é do 11,75% en tres anos de vixencia do convenio (2022, 2023 e 2024), e sen ningunha subida polos tres anos que o convenio estivo en ultraactividade (2019, 2020 e 2021). Así, e no total, por 6 anos de convenio o incremento dos soldos non chega ao 2% anual, nun contexto de forte incremento dos prezos e cunha garantía de revisión salarial parcial.

Isto é, se o IPC acumulado de 2022 a 2024 supera o 11,75%, a día 1 de xaneiro de 2025 actualizaríanse automaticamente os salarios, pero só até a metade da diferenza. Para a CIG calquera pacto salarial por baixo do IPC "é manifestamente mellorábel, e obxectivamente empobrecedor".

A este respecto, a CIG-Servizos lembra que no período 2016-2018, tres anos naturais, a suba dos soldos foi do 3,5% após outro convenio, o de 2011 a 2015, cinco anos naturais, no que as retribucións se conxelaran os dous primeiros anos, e só se contemplaron subas correspondentes ao o IPC para os anos 2013, 2014 e 2015.

"Pero agora que está disparado, o IPC xa non vale como referencia para que a patronal pague, mas si para que nós paguemos a compra", denuncian.

Por estas razóns, a CIG-Servizos non participou na ratificación do convenio. "O empobrecemento da clase traballadora en xeral, e de sectores en auxe como este, non se pode xustificar na escasa mobilización social. Ao contrario, deberían servir para dar azos e colocar esforzos nestes ámbitos que medran á marxe do control e da loita obreira", conclúen.

Volver