A CIG denuncia servizos mínimos abusivos e mal organizados na xornada de folga das traballadoras do SAF de Santiago

Coincidindo co paro concentráronse diante do concello e das dependencias de SERVISAR

Compostela -

Traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do concello de Santiago mobilizáronse desde primeira hora da mañá, nesta xornada de folga, diante do Pazo de Raxoi, onde se celebraba o pleno municipal. A mediodía trasladaron as súas protestas a Área Central, onde están as oficinas da empresa concesionaria do Servizo, SERVISAR. Demandan que o concello actúe e obrigue á empresa a cumprir o convenio, porque aínda non se lles actualizaron os salarios co IPC de 2021-2022; que se estabeleza unha zonificación para reducir distancias; fichaxe personalizada e que haxa un coordinador/a de referencia por zona.

As traballadoras deste servizo, esencial para atender ás persoas maiores dependentes que viven na capital de Galiza, desenvolven o seu traballo nunhas condicións de precariedade insostibles. Denuncian que os seus salarios brutos non chegan ao SMI e que, aínda por riba, a empresa, do grupo DomusVi, negouse a actualizalos conforme á suba do IPC de 2021 e 2022, tal e como está recollido no convenio.

Antes de  se chegar á convocatoria desta xornada de folga, o comité intentou, sen éxito, buscar a mediación do concello, que eludiu a súa responsabilidade e que, lonxe de garantir que se cumpran as condicións laborais nun servizo que é municipal, aínda que o desenvolva Servisar, deixou ás traballadoras soas diante da empresa. Traballadoras que son, ademais, as únicas de toda a comarca á que se lles adebedan os incrementos.

Servizos mínimos abusivos

Aínda que o seguimento da folga é total, porque foron, de feito, as propias traballadoras quen acordaron esta convocatoria, hoxe sofren, ademais do abuso laboral cotiá, uns servizos mínimos “abusivos e mal organizados” que impiden a todas as compañeiras participar nas protestas para reivindicar, non só melloras laborais, senón tamén o recoñecemento social e a valorización que merecen os traballos de coidados.

Elas atribúen a decisión de DomusVi, que si actualizou os salarios das auxiliares do SAF de Vigo, do que tamén ten a concesión, a teren votado en contra do convenio que tiñan preasinado CCOO e UGT coa patronal. Un convenio contra o que a CIG convocou unha folga porque, entre outras cuestións, establecía dúas táboas salariais diferentes e porque non contemplaba incrementos atendendo ao IPC.

As protestas das traballadoras e as votacións en contra da sinatura definitiva dese convenio, mesmo das súas afiliadas, foron as que obrigaron a CCOO e UGT a desbotar finalmente asinalo.

Quilómetros polo concello no seu coche particular

As auxiliares de axuda no fogar teñen que percorrer quilómetros e quilómetros diarios, nos seus coches particulares, para ir de casa en casa a atender as usuarias e usuarios. Denuncian que ninguén compensa os gastos derivados do uso dos seus vehículos mais tamén a mala organización dun servizo no que non son poucas as veces que se cruzan entre elas nos traxectos. Por iso piden que se zonifique evitando así desprazamentos innecesarios e aproveitando ese tempo de desprazamento para mellorar a atención.

Canda isto reclaman a personalización da fichaxe e que esa xornada teña sempre o mesmo horario para cada traballadora, como marca o convenio e exixe a lei, porque, do contrario, é imposible conciliar.

Hoxe nos seus cánticos, apuntaban á responsabilidade do propio alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, pola situación do SAF. E esta xornada de folga non será a última de mobilizacións porque tal e como avanzaban na rolda de prensa que deron a semana pasada, a súa intención é acompañalo en todos os actos públicos que teña para cer se así atende ás súas demandas.

Volver