A CIG denuncia que os bombeiros de Vigo non participaron na extinción do incendio de Moaña por falta de efectivos

Na central lembran que até o de agora prestaban apoio noutros concellos, pero na actualidade teñen prohibido saír fóra do termo municipal

Vigo -

O incendio rexistrado esta madrugada nas instalacións do centro deportivo de Moaña evidenciou unha vez máis a problemática que os bombeiros do Concello de Vigo levan anos denunciando, xa que a falta de persoal impediu que efectivos do parque de Teis puidesen desprazarse até o Morrazo para participar nas labores de extinción.

Segundo sinalan dende e representación da CIG nos bombeiros vigueses, o peche do parque comarcal do Morrazo por un conflito laboral obrigou os servizos de emerxencias a dar aviso a bombeiros doutras localidades. “Puxéronse en contacto con nós, pero por orde da xefatura non podemos saír fóra do termo municipal porque estamos por debaixo dos mínimos; de feito, dos 20 bombeiros que se esixen só estaban operativos 15 cando recibimos o aviso”. 

Dos 20 bombeiros que se esixen só había operativos 15 cando se recibiu a chamada 

En consecuencia, ao incendio tiveron que desprazarse finalmente os bombeiros do Porriño, “cando tardan máis de media hora en chegar, mentres que nós estariamos alí en menos de 15 minutos”. De feito, esta falta de persoal que os bombeiros de Vigo levan anos denunciando -e que motivou un conflito laboral con folgas e mobilizacións- obrigounos a ter que suspender tamén a realización de servizos menores dentro do propio termo municipal vigués.

“Esta situación provocou que o mes pasado, por primeira vez na historia do servizo, tivesen que vir doutras localidade a colaborar con nós no lume que afectou a empresa Toysal, cando tradicionalmente eran os bombeiros de Vigo os que se desprazaban a outros concellos para participar nas labores de extinción e noutras emerxencias”, indican dende a representación da CIG. De feito, a ese incendio desprazáronse efectivos dos bombeiros de Mos e Val Miñor, así como persoal do 085 e da Axega “porque nós estabamos desbordados”.

Ofertas de emprego sen executar

E todo isto porque as ofertas de emprego dos anos 2020-2021-2022 para dotar o servizo dos bombeiros/as necesarios/as están sen executar, mentres que a de 2023, “que podería estar xa en marcha, atópase paralizada”. A maiores, as bases das oposición tamén se encontran paralizadas no departamento de Recursos Humanos dende o 30 de xuño de 2022.

Finalmente, dende a central sindical advirten que esta falta de efectivos está a traducirse nun aumento considerábel dos tempos de resposta en caso de urxencia, “o que pon en serio risco a integridade das persoas”. Polo que instan o Concello de Vigo a tomar en serio esta problemática dunha vez por todas e a exercer a súa responsabilidade “para evitar que antes ou despois poida ocorrer algunha desgraza”.

Volver