A CIG denuncia persecución sindical en Bingo Royal e exixe a readmisión das traballadoras despedidas

O obxectivo da empresa, do Grupo COMAR, é minar á afiliación para atacar á central sindical

Vigo -

A CIG-Servizos de Vigo vén de denunciar a persecución sindical que sofre en Bingo Royal, do Grupo COMAR. A empresa despediu a tres traballadoras afiliadas á central sindical, unha delas delegadada da Sección Sindical, tras seren sancionadas por unha suposta infracción moi grave. Por iso, ademais de presentar as correspondentes demandas perante o xulgado para obrigar á empresa a readmitilas, ten convocadas mobilizacións diante do centro de traballo para o vindeiro luns día 29 de agosto e para os días 1, 5 e 8 de setembro, de 15:30 a 18:30 horas.

A CIG é tan maioritaria nesta empresa que todo o persoal, agás dous traballadores/as, está afiliado á central nacionalista. Antes de se celebrar as últimas eleccións sindicais tiña xa toda a representación, con 3 delegadas/os.

Segundo explica Pedro Pérez, membro da executiva da CIG-Servizos, entre medias varios traballadores e traballadoras xubiláronse pero as vacantes xeradas non foron cubertas. Deste xeito, ao se reducir o persoal reduciuse tamén o número de representantes sindicais, pasando a representación sindical de 3 a tan só 1 delegado/a.

A redución de persoal afectou ao número de representantes mais tamén ás condicións laborais. De feito, “como non quixo contratar a máis persoal para dar os descansos  compensatorios e os máis de 300 días de vacacións pendentes, tivemos que recorrer a un AGA, que aínda está pendente de resolución”, sinala o representante da CIG-Servizos.

A pretensión da empresa era reducir a representación da central sindical e tratar de que ademais o único delegado/a fose da UGT. Porén, e dada a avultada afiliación que ten o sindicato no Bingo, o único representante volveu ser da CIG.

O obxectivo de reducir a representación da CIG no Bingo é tan claro que segundo explica Pedro Pérez a empresa tiña que contratar a 2 traballadores/as o que permitiría convocar unhas eleccións parciais e volver a ter 3 representantes pero, para evitalo, a empresa externalizou o servizo de cafetería e subrogou a 6 traballadores/as, o que imposibilitou a súa celebración.

Denuncias

Xunto a isto, durante ese período produciuse un conflito personalizado en dúas traballadoras unha a delegada da sección sindical da CIG e outra a candidata da UGT, que culminou o mesmo día das eleccións sindicais cunha nova denuncia que derivou no despedimento de tres traballadoras.

En 2021 a que despois encabezaría a candidatura da UGT denunciou á que xa daquela era delegada da CIG por acoso laboral. “Unha demanda que se pechou sen causa porque non había probas para sustentar a denuncia”, apunta Pérez.

Nos días anteriores ás eleccións sindicais prodúcese outra denuncia cruzada entre ambas e na propia xornada electoral, en xullo deste ano, a cabeza de lista da UGT, que finalmente obtivo 2 votos –o resto foron para a CIG- denuncia á xefa de sala por ter decidido poñelas a traballar no mesmo lugar durante unha hora, para resolver o problema de falta de persoal, cando non debían coincidir no mesmo espazo de traballo mentres non se resolveran as denuncias entre elas.

Pedro Pérez explica que a raíz desta denuncia “prodúcese unha investigación dos feitos que de oficio abre outro expediente contra a outra xefa de sala tamén afiliada a CIG, concluíndo con 3 despedimentos disciplinarios de tres traballadoras afiliadas á CIG, incluída a delegada”.

Persecución sindical

Para Pérez hai en todo este asunto “unha clara persecución sindical cara as nosas afiliadas e en contra do sindicato, porque son 3 despedimentos disciplinarios”. Lembra que no Bingo nunca se presentou ningunha candidatura que non fora da CIG e considera que “a empresa utilizou a esta traballadora para que se presentara pola UGT dándolle cobertura”, non só tratando de impulsar a súa candidatura, senón tamén legalmente.

Cos resultados das eleccións sindicais, nos que o persoal deu un respaldo esmagador á CIG “queda desmontada a pretensión da empresa á que só lle queda xa a outra vía, a de que a traballadora denuncie e contrata a un gabinete externo para que faga unha investigación”.

A situación é tan retorta que a traballadora a quen denuncia é á Xefa de Sala primeira mais logo, “na instrución do expediente, de oficio, abren outro expediente á xefa de sala 2 porque estaba na sala, malia non haber denuncia algunha contra ela”, asegura Pérez.

Para o representante da CIG-Servizos de Vigo está claro que “o obxectivo da empresa é minar á afiliación da CIG no Bingo e atacar á central sindical”. Unha persecución con consecuencias tan graves como o dun triplo despedimento, incluído o da delegada sindical.

Por iso están convocadas as xornadas de mobilización e presentadas as demandas, “porque desde a CIG non imos consentir esta persecución sindical”.

Volver

Novas relacionadas