A CIG denuncia a situación de explotación das traballadoras da limpeza na área sanitaria de Ferrol

A central concentrarase o día 15 no novo centro de saúde de Narón

Ferrol -

A CIG-Servizos ten convocada unha concentración para o luns 15 de novembro diante do centro de saúde de Narón, en protesta pola situación insostíbel que sofren as traballadoras e traballadores da limpeza dos centros de saúde, PAC e consultorios da área sanitaria de Ferrol.

A federación de Servizos xa advertira que a Xerencia de Xestión Integrada estaba adscribindo horas insuficientes de limpeza no novo centro de saúde de Narón, requirindo nun principio tan só 98 horas semanais para un edificio que ten 4.312 metros cadrados de superficie a limpar. Aínda que posteriormente se ampliaron até ás 164, as horas requiridas seguen a ser insuficientes para poder realizar o traballo en condicións dignas. "Estamos ante un caso de explotación manifesto no que se esixe ao persoal de limpeza moito máis do que pode abarcar", denuncia Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol.

Esta situación, engade, non é nova posto que xa vén ocorrendo en diversos centros de traballo da Área Sanitaria, como pode ser o caso dos centros de saúde de Caranza, Fene ou o Fontenla Maristany.

Pola súa banda, a empresa adxudicataria, Lacera Servicios y Mantenimiento, tampouco achega solucións, pois xa comunicou que non contempla como viábeis as opcións que podería ter para paliar en certa medida a problemática (como a posta a disposición de máquinas limpadoras que axilizasen o traballo) porque se atopa fóra do período contratado "e non pensa investir máis na prestación do servizo".

Esta sobrecarga e os ritmos frenéticos  nos que teñen que desenvolver o traballo provoca que o persoal sufra continuas baixas médicas por trastornos músculo-esqueléticos, "ademais de supoñer unha carga mental notábel o feito de saber que non tes tempo suficiente para facer o teu traballo día tras día, sen solución de ningún tipo por parte dos responsables principais neste conflito".

Para esixir solucións e visibilizar a situación de indefensión do persoal deste servizo, a CIG ten convocada concentración o luns 15 de novembro, ás 09 horas, na porta do novo Centro de Saúde de Narón.

Volver