A CIG de Ourense denuncia “inacción e encubrimento” de Prosegur diante dunha agresión machista nun centro de traballo

Unha traballadora foi lesionada por un compañeiro, que tentou atropelala

Ourense -

A Unión Comarcal da CIG de Ourense denuncia a inacción de Prosegur ante un caso de violencia machista e acoso laboral nun centro de traballo, así como a actitude encubridora da empresa co traballador que lle provocou lesións a unha compañeira e que mesmo intentou atropelala en varias ocasións.

O secretario comarcal, Anxo Pérez Carballo, e a secretaria das Mulleres da CIG de Ourense, Xulia González, compareceron hoxe en rolda de prensa para denunciar publicamente a agresión sufrida por unha traballadora de Prosegur por parte dun compañeiro de traballo, agresión que para os responsábeis sindicais ten claros compoñentes de violencia machista. “O propio Sergas, que constatou lesións tanto físicas como psicolóxicas, así o considera”, segundo revelou González. Neste senso, fixo fincapé en que o agresor usou métodos da violencia machista como gravar a vítima co seu teléfono móbil ou realizar xestos obscenos.

Para a responsábel da Secretaría das Mulleres d CIG, se isto xa é suficientemente grave, aínda o é máis cando un responsábel xerárquico da propia empresa, home tamén, “non só ignorou a chamada de auxilio da traballadora durante a agresión senón que as súas únicas accións están encamiñadas a encubrir o agresor”.

González lamentou que aínda que a Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade entre homes e mulleres recolle a necesidade de que existan plan de igualdade nas empresas de máis de 250 traballadores/as e obriga a todas, independentemente do seu número de empregados/as, a ter cando menos un protocolo ou uns procedementos específicos para previr o acoso, “en moitas casos -e este é un claro exemplo- os protocolos son unha mera declaración de intencións e non serven como procedemento de investigación xa que como neste caso nin sequera chegan a activarse”.

Finalmente, lembrou que a CIG denuncia precisamente este tipo de feitos cada 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e reclama “unha actuación inmediata e decidida nos eidos educativo, sanitario, policial, xudicial e laboral”.

Feito extremadamente grave 

O acontecido foi deunciado diante da policía e da autoridade laboral

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Ourense asegurou que o feito é dunha gravidade extrema. “É difícil atopar un caso similar, polo menos no que a vítima se decide a facelo público, porque posiblemente haberá moitas situacións semellantes pero que non transcenden”. Pérez Carballo relatou que a agresión machista produciuse na noite do 20 de agosto, no cambio de quenda do servizo de seguridade privada do campus universitario de Ourense, “cando o traballador, despois de entrar xa con mal pé, berrando e insultando, acaba forcexando coa traballadora e intenta incluso atropelala en varias ocasións”.

En consecuencia a vítima presenta varios hematomas en distintas partes do corpo, danos que están perfectamente documentados nos partes de lesións tanto do complexo hospitalario universitario de Ourense como do hospital do Carmen. Existe tamén un informe policial, xa que no lugar persoáronse até seis axentes da policía española. “O agresor chegou a arrebatarlle o teléfono móbil á traballadora, mentres que co seu propio dispositivo fai gravacións cando a afectada tiña as mans prendidas nas fiestras do vehículo, ao tempo que lle fai xestos obscenos”, explicou Pérez Carballo.

Tamén criticou que a pesar de que durante o suceso a traballadora mantivo unha conversa telefónica cun superior” ao que lle suplica auxilio a berros, esta persoa non fixo absolutamente nada”. Segundo o responsábel sindical, foi tal o medo que tivo a afectada- que ademais é a representante legal dos traballadores/as- que chegou a ouriñarse enriba durante o suceso.

Pérez Carballo sinalou que o convenio colectivo de empresas de seguridade privada, no seu artigo 74, define claramente diversas faltas que poden ser consideradas moi graves e que poden ter como sanción mesmo o despedimento. “A actuación deste traballador chega a vulnerar cando menos catro apartados deste artigo 74, que son consideradas faltas moi graves: malos tratos, participación directa na comisión dun delito, provocar leas entre traballadores/as ou a comisión de actos inmorais”. En consecuencia, entende que a empresa debera aplicar o réxime disciplinario do convenio e decidir que facer co responsábel desta actuación.

Ao mesmo tempo, detallou que xa está aberta a vía penal, porque a traballadora presentou unha denuncia cando se presentou a policía. “Quero salientar a valentía que está a amosar a afectada, que incluso ao día seguinte foi ampliar a denuncia”, enfatizou.

Omisión do deber de protexer 

O secretario comarcal da CIG de Ourense salientou a valentía da traballadora, xa que moitos casos similares quedan impunes

Ademais, explicou que a Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social (LISOS), que regula as faltas que as empresas cometen en materia de relacións laborais, tipifica no seu artigo 8 a inacción da compañía ante casos de violencia, encubrimento ou omisión do deber de protexer. “Pois ben, nos dez días transcorridos dende o suceso a empresa o único que a empresa fixo foi negar por escrito que houbese acoso, porque interpreta que o acoso ten que ser unha actuación sistemática e non puntual”, censurou.

Así mesmo, asegurou que a empresa está a dilatar calquera tipo de actuación, “cunha burocracia absolutamente escandalosa, cargando sobre a vítima a responsabilidade de ter que dar todas as explicacións posíbeis en lugar de activar inmediatamente un protocolo de actuación”.

Tampouco lle ofrece á traballadora en ningún momento apoio psicolóxico ou cobertura, “até o punto de que a afectada tardou unha semana en conseguir o parte de baixa por accidente laboral porque resulta que a empresa non ten a mutua aquí, polo que todo se converteu nun labirinto burocrático kafkiano”.

Pérez Carballo lamentou que Prosegur con este xeito de proceder o que fixo foi encubrir o traballador, “e a súa única actuación foi dicir que cando se reincorpore a afectada intentarán evitar que coincida co agresor no seu posto de traballo”. De feito, censura que a compañía chegase a utilizar a palabra “percance” para referirse á agresión e asegurase que investigará o acontecido “para ver quen foi responsábel de algo”.

Como exemplo desta forma de actuar referiuse tamén o acontecido tras a agresión, cando a traballadora volve ao campus a recoller o seu vehículo e se atopa co superior co que falara por teléfono durante o suceso. “Nin lle preguntou polo seu estado de saúde, unicamente lle dixo que el estaba alí para verificar que se prestaba o servizo”.

Denuncia na Inspección de Traballo

Os feitos estás denunciados tamén diante da Inspección de Traballo, que nos seus criterios técnicos equipara o acoso coa violencia no traballo, “algo que a empresa non fai”. A autoridade laboral incide moito nestes casos na actuación de omisión das compañías, considerando extremadamente grave que unha empresa non investigue, non ofreza axuda á vítima nin adopte ningunha medida. 

A central sindical, que asesorará a afectada, estuda actuar contra a empresa por outras vías

Finalmente, indicou que a CIG ten o caso en mans da súa asesoría xurídica para adoptar as medidas oportunas a nivel laboral, ao tempo que prestará asesoramento á afectada durante o procedemento penal. A central sindical xa puxo o acontecido en coñecemento da Inspección de Traballo, aínda que abordará tamén a posibilidade de actuar contra a empresa por outras vías.

“Como sindicato non imos permitir este tipo de cousas, porque mentres a traballadora se atopa de baixa como consecuencia dunha agresión, o traballador responsábel sigue no seu posto de traballo e continúa coa campaña de acoso, enviándolles ao resto de compañeiros/os fotos que fixo durante o suceso e cualificando a afectada de tola e de esaxerada, comportándose como o clásico acosador e violento no centro de traballo”, rematou.

Volver