A CIG concéntrase nos xulgados de Lugo en apoio a unha delegada do BBVA que denunciou acoso laboral

O banco dilatou de maneira inxustificada a apertura do protocolo e permitiu que se vulnerara a súa garantía de indemnidade

Lugo -

A sección sindical da CIG no BBVA concentrouse este xoves nos Xulgados de Lugo en apoio a unha compañeira, que ademais é delegada de persoal pola CIG, que sufriu acoso laboral por parte do seu superior directo. A protesta realizouse coincidindo coa celebración do xuízo pola demanda presentada contra o BBVA por vulneración de dereitos fundamentais, xa que a entidade bancaria dilatou de maneira inxustificada a apertura do protocolo de acoso, incorreu en varias irregularidades durante a súa aplicación e permitiu que se vulnerara a garantía de indemnidade da delegada.

A traballadora comunicou a situación que estaba padecendo en dúas ocasións, pero dende que a empresa tivo coñecemento da existencia de indicios dun caso de acoso moral até que iniciou o protocolo transcorreron máis de dous meses. Neste tempo, lonxe de garantir a saúde e a integridade moral da traballadora (segundo estabelece a lei), o BBVA desentendeuse totalmente do seu deber de protección, permitindo que a persoa denunciada se aproveitase do seu rango xerárquico para tomar represalias contra dela e ordenar un traslado de oficina inxustificado e non desexado.

“Entendemos que a empresa vulnerou o principio de confidencialidade que recolle a lexislación e alertou a persoa denunciada, pois o mesmo día que a compañeira se dirixiu por segunda vez á empresa para advertir da súa situación, foi convocada a unha reunión co seu xefe directo na que se lle comunicou o traslado de oficina”, explica a representación da CIG. 

A isto súmase que, durante a instrución, non se entrevistou as persoas propostas pola demandante e a representación legal do persoal, non se garantiu a independencia e confidencialidade da investigación, nin tampouco se tiveron en conta os testemuños que referían unha conduta similar por parte do denunciado na oficina na que estivera previamente.

Neste senso, a sección sindical sinala que a compañeira, que traballa no BBVA dende hai dúas décadas, levaba tres anos prestando servizo na mesma oficina sen ningún tipo de incidente e cumprindo todos os obxectivos, baixo a dirección doutra responsábel. Esta situación mudou coa chegada do novo xefe, que provocou un clima laboral de presión e acoso sobre todo o persoal da oficina, pero con especial incidencia sobre esta traballadoras pola súa condición de delegada de persoal.

Non obstante, o informe final non só concluíu que non existía acoso laboral, senón que se pretende inverter a situación acusando a traballadora de non encaixar “co estilo de dirección e organización” do seu xefe. A seguir, a entidade sobreseu o expediente e non contestou as alegacións trasladadas pola sección sindical da CIG.

Denuncia na Inspección e no xulgado

Ante estas irregularidades, a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo que constatou que a empresa activou o protocolo de acoso forma tardía e dilatando o procedemento; e que o traballador denunciado ten un comportamento “non adecuado” e que non trata ben as persoas que están baixo o seu mando. Así mesmo, a Inspección de Traballo requiriu ao BBVA para que actualizara a avaliación de riscos psicosociais na oficina onde estaba a delegada da CIG.

Neste contexto, a CIG presentou demanda de tutela ao considerar que o BBVA vulnerou o dereito fundamental á integridade física e moral da traballadora, así como a súa garantía de indemnidade; e solicita que se reinicie o expediente interno de acoso, que se tome testemuña as persoas propostas pola demandante; así como unha indemnización polos danos morais causados.

Volver