Mobilización solidaria coas compañeiras pechadas na sede de Inditex
A Coruña -
A CIG mobilizouse este sábado diante de Inditex en Arteixo en solidariedade e para arroupar as delegadas e delegados das tendas de Inditex da provincia da Coruña que dende a mañá do venres permanecen pechadas na sede da multinacional defendendo o dereito a negociar aquí as súas condicións laborais. Durante a protesta que comezou por volta das 13:00 horas tamén se aproveitou para entregarlles alimentos ás compañeiras, xa que a empresa prohibiu expresamente que se lle facilitasen víveres, e ademais esta mañá cortoulles a electricidades dos enchufes.
Ademais, con esta concentración, salienta o secretario da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez, quérese denunciar o total desprezo e abandono por parte da dirección da empresa, pois ao contrario do que aconteceu cos representantes dos/as traballadores/as do almacén loxístico -con quen Inditex accedeu a negociar- "ás delegadas das tendas nin sequera as recibiu e van continuar pechadas durante toda a fin de semana".
As compañeiras e compañeiros permanecen no auditorio que hai dentro do complexo e de xeito periódico publican vídeos nas redes sociais para evidenciar que a súa loita continúa adiante, pois Inditex puxo en marcha a súa maquinaria para desinformar e durante a tarde de onte dedicouse a asegurarlle aos medios que as traballadoras xa abandonaran as instalacións. Nun intento de coartar tamén esta vía de información, esta mañá a empresa cortoulles a electricidade dos enchufes do auditorio no que están.
O dereito a unha negociación colectiva próxima
As compañeiras reiteran que só están demandando poder negociar as súas condicións de traballo aquí (nomeadamente porque se trata de cuestións que só afectan á provincia da Coruña), ao igual que Inditex fai co persoal doutras empresas do grupo. E neste sentido denuncian unha evidente discriminación de xénero no trato que a multinacional dispensa ao colectivo laboral das tendas, altamente feminizado e precarizado, en comparación con outros colectivos laborais do grupo con maioría de homes.
De feito, o único que lles dixeron na breve interlocución que houbo coa empresa -case ao inicio da acción reivindicativa- foi "que pasedes unha boa fin de semana", acompañada dunha indicación taxativa ao persoal de seguridade para que non permitira que se lle entregara comida ás compañeiras.
Rematar coas desigualdades
No relativo á táboa reivindicativa, as delegadas da CIG reiteran que se trata de negociar cuestións que só afectan á provincia da Coruña como o plus sede, o plus de antigüidade que aparecía anteriormente no convenio e que conservan outros compañeiros da empresa, o bono de comida, e a homoxeneización e equiparación de todas as condicións reguladas nos comités coa empresa de cada cadea.
Aclaran que non pretenden ter mellores condicións do que lles pertence pola súa categoría e convenio dentro do Grupo Inditex, "senón que a empresa remate coa discriminación que ela mesma estabeleceu dende hai anos e pola cal se nos nega a posibilidade dunha negociación real coas dependentas como ten a empresa co resto de persoal e as mesmas axudas sociais e condicións".