A CIG alerta da privatización do Departamento de Informática Tributaria da AEAT
Afecta tamén a elementos fundamentais como os sistemas que xestionan as declaracións da renda, investigacións de fraude fiscal, ou datos bancarios da cidadanía
Nacional -
Tras realizar unha análise da Programación Contractual da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) correspondente ao período 2023-2026, a CIG conclúe que a axencia “destinou máis de 472 millóns de euros a contratos con empresas privadas para cubrir funcións informáticas nun único cuadrienio”. Para obter o dato, que a AEAT evita agregar, a CIG sumou os importes de cada un destes contratos.
A representación da CIG destaca que esta análise “está baseada unicamente en documentos públicos, publicados no seu web pola AEAT”. Denuncia que revelan “un patrón preocupante onde se repiten os contratos máis relevantes de forma sistemática cada catro anos, sempre cos mesmos obxectos e con importes que medran en cada renovación”.
A modo de exemplo, explican que o contrato para a atención telefónica á cidadanía contribuínte “pasou de 9,3 millóns de euros en 2018 a 10,5 en 2022 e a 12,6 en 2026”. Indican que dentro destas tarefas privatizadas está tamén a operación dos Centros de Proceso de Datos (o corazón informático da AEAT, onde se almacenan e procesan os datos fiscais de millóns de persoas), cun importe que subiu de 6,2 millóns en 2022 a 7,4 en 2026. “En varios destes procesos de licitación, segundo os documentos consultados, presentouse unha única oferta, o que limita a concorrencia que a Lei de Contratos do Sector Público busca garantir” advirten.
A CIG salienta que entre as tarefas privatizadas non só hai cuestión periféricas, senón elementos medulares da AEAT como os sistemas que xestionan as declaracións da renda, investigacións de fraude fiscal, datos bancarios e patrimoniais de toda a cidadanía. “E desde 2026, a monitorización dos equipos de traballo do persoal da propia Axencia tamén queda en mans de empresas privadas” remarcan.
Riscos de confidencialidade
A representación da CIG considera que esta situación vai en contra da orientación estratéxica da Unión Europea, que aposta pola soberanía dixital das Administracións Públicas como principio irrenunciábel, e que introduce riscos de confidencialidade que o Goberno non ten xustificado publicamente. “Contradise, ademais, cos compromisos da dirección da AEAT de reducir as externalizacións e desenvolver con medios propios estas tarefas”, advirten.
Reproban que, mentres todo isto acontece, “as Delegacións Especiais da AEAT funcionan con cadros de persoal por debaixo do mínimo necesario, sendo a Delegación Especial de Galiza un exemplo paradigmático desta situación”. Advirten que as Delegacións e administracións en Lugo, Ourense, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Vigo, Ferrol, “e practicamente todas as galegas, acumulan prazas vacantes sen cubrir en Informática, Xestión, Recadación, Inspección e Aduanas, con persoal sobrecargado e cidadanía que recibe un servizo por debaixo do que lle corresponde”. Por este motivo, a CIG esixe a cobertura inmediata desas prazas.
Liña de privatizacións no Ministerio
Esta liña de privatizacións, advirte a CIG, é transversal en todo o Ministerio de Facenda. No caso galego, rexeitan da intención de privatizar a escola infantil que atende as crianzas das empregadas e empregados dos centros de traballo da Administración Xeral do Estado na Coruña, situada e dependente precisamente de Facenda.
Novas relacionadas

