A CIG alerta da implantación dun servizo médico privado nas residencias de DomusVi para controlar as baixas

Denuncia que a medida represiva non vai acabar co verdadeiro problema do sector dos centros de maiores, que é a elevada carga de traballo do persoal

Nacional -

A CIG-Servizos vén de alertar da implantación dun servizo médico privado que pretende levar a cabo a empresa DomusVi nas residencias de maiores que xestiona en todo o territorio galego co único obxectivo de “vixiar e perseguir as traballadoras/es que permanezan de baixa médica”.

Deste xeito, a compañía Geseme Médicos SL, con sede en Barcelona, vai a ser a encargada do seguimento das baixas médicas das empregadas/os das residencias. “Pero este modelo médico-policial non vai solucionar ni moito menos a problemática das residencias privadas da terceira idade, que é s sobrecarga de traballo, tanto física como mental, que padecen as traballadoras/es do sector, debido a en boa parte a que ningunha das residencias respecta as ratios de persoal establecidos na lexislación actual”. 

Na central esixen da Xunta e da Inspección máis visitas ás residencias privadas para mudar o modelo “represivo e precarizado” dun sector de coidados altamente feminizado e esencial para a sociedade

De feito, a central sindical leva tempo denunciando que non se cumpren as ratios e reclamando a equiparación dos cocientes coas residencias que xestiona directamente a Xunta, “pois a carga de traballo debe ser a mesma tanto nunha residencia privada como nunha pública”.

Ao mesmo tempo a CIG está a advertirlle á empresa, a través das súas delegadas/os nos diferentes centros de traballo nos que ten representación, dos problemas de saúde derivados da elevada carga de traballo do persoal, “e demandando de maneira contundente máis contratación para paliar esta problemática; mais a resposta sempre é a mesma: non se pode contratar máis persoal por cuestións económicas”. Polo tanto, na central non entenden como é posíbel que a empresa si poida dedicar recursos económicos a este tipo de servizos”.

Polo tanto, dende a CIG-Servizos queren amosar o seu rexeitamento ao modelo privatizador que representa este servicio médico, “xa que o consideramos abusivo e inquisitorio, polo que estaremos vixiantes para facerlle fronte a calquera irregularidade”.

Finalmente, esixen das autoridades competentes, tanto da Xunta como da Inspección de Traballo, máis visitas ás residencias privadas para mudar o modelo “represivo e precarizado” dun sector de coidados altamente feminizado e esencial para a sociedade.

Volver