A carpintería da provincia da Coruña secunda a terceira xornada de folga por un convenio digno

O paro continuará este xoves ante a imposibilidade de chegar a acordo coa patronal, que teima nas súas propostas irrisorias

A Coruña/Compostela/Ferrol -

Os traballadores e as traballadoras do sector de carpintería e ebanistería da provincia da Coruña están secundando este mércores a terceira xornada de folga en demanda dun convenio digno que garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e supoña unha mellora real nas condicións de traballo.

Esta semana, a folga desenvólvese en dúas xornadas consecutivas, polo que mañá xoves tamén haberá paro no sector e ademais na comarca da Coruña está convocada concentración diante de Comercial Malasa (Cambre), ás 12 horas.

Este terceiro día de folga tamén rexistra un amplo seguimento naquelas empresas máis grandes do sector, superando o 90% nalgunhas comarcas como Ferrol e Compostela, mentres que nas empresas máis pequenas e naquelas con menor presenza sindical, o seguimento resulta máis irregular.

O paro continúa toda vez que na reunión da mesa negociadora mantida a pasada semana foi imposíbel chegar a un acordo, xa que a patronal trasladou unha oferta totalmente insuficiente e que aínda está demasiado afastada das reivindicacións do persoal. Unhas demandas que non son outras que evitar que as traballadoras e traballadores (que levan cos soldos conxelados dende 2019) se sigan empobrecendo máis, nun momento de enorme medre da carestía da vida e cando o sector rexistra unha importante carga de traballo.

Na súa última oferta, explica a FCM-CIG, a patronal pretendía que o persoal renuncie a parte da revisión salarial de 2021, perdendo o 3,4% do poder adquisitivo e dos atrasos. Unha perda tamén a futuro, pois fixa a revisión do IPC acumulado a final do convenio, mais impondo o tope do 5% de atrasos e que se perciban en 2026.

En canto ao plus de quendas, a patronal aceptou a súa creación pero fixando uns criterios que practicamente impiden que se poida cobrar en ningunha empresa do sector.

Diante desta proposta irrisoria, este mércores e xoves continúa a folga en demanda dun convenio que recolla un incremento salarial digno que evite a perda do poder adquisitivo dos salarios;  a creación dun plus de quendas xusto (como xa existe noutros convenios provinciais); que se regulen as condicións do persoal montador desprazado ás obras fóra de Galiza; e estableza a creación das categorías técnicas, que levan anos sendo unha realidade na maioría das empresas.

Volver