Vixilantes de seguridade privada nos hospitais da Coruña mobilízanse contra o acoso practicado por Eulen Seguridade

Denuncian o incremento inxustificado de sancións e apercibimentos ao persoal dende que a empresa se fixo coa contrata

A Coruña -

Traballadores/as de Eulen Seguridade mobilizáronse este mércores nas inmediacións da nave que a empresa ten no Polígono da Grela na Coruña en rexeitamento á situación de persecución e acoso que están a padecer os e as vixilantes privados que prestan servizo nos hospitais e centros de saúde da área sanitaria da Coruña.

Mario Teijo, coordinador de seguridade privada da CIG na Coruña, explica que dende que Eulen se fixo coa contrata do servizo de vixilancia privada dos hospitais e centros de saúde desta área sanitaria, comezou unha persecución contra as traballadoras e traballadores, que se concreta “en inspeccións moi periódicas e na imposición de sancións inxustificadas e discutíbeis”.

Neste senso, apunta que coa empresa anterior nunca se deran este tipo de situacións nin se rexistrou un nivel tan elevado de denuncias. “Non entendemos como sendo o mesmo persoal o que realiza a vixilancia, e que na maioría dos casos leva máis de dez anos realizando este traballo, se impoñan agora tal cantidade de sancións e apercibimentos”, censura.

Teijo engade que as sancións van dende as que teñen carácter leve, ás graves e moi graves, chegando a producirse mesmo algún despedimento.

Diante desta situación de acoso que consideran inxustificada, as centrais sindicais CIG, USO e CCOO acordaron convocar esta primeiro mobilización nas instalacións de Eulen Seguridade, que terá continuidade o vindeiro 13 de maio cunha nova protesta, mais desta volta na rotonda de acceso ao Hospital da Coruña.

Volver