Unha nova protesta do persoal da limpeza do campus norte da UVigo en Ourense forza unha reunión coa empresa

Samyl está a recortar horas, incumprindo o prego de condicións

Ourense -

As traballadoras/es de Samyl, concesionaria do servizo de limpeza do campus norte da Universidade de Vigo en Ourense, forzou finalmente unha xuntanza coa dirección tras a protesta que tivo lugar onte para denunciar que a empresa está a eliminar horas de servizo, incumprindo o prego de condicións da adxudicación. Na mobilización participaron tamén delegados/as da CIG noutros sectores.

A compañía púxose en contacto coa representación do persoal despois da concentración celebrada pola mañá nas inmediacións da Facultade de Ciencias da Educación e de Historia, sendo a primeira vez que o fai dende que no mes de xaneiro se iniciase o conflito laboral. E fíxoo para convocar o comité de empresa a unha reunión que terá lugar o vindeiro martes día 9 ás 10:30 horas.

Dende a federación de Servizos da CIG lembran que a dirección de Samyl leva tempo aplicando unha serie de recortes no servizo aproveitando a xubilación dalgunhas empregadas/os. “O ano pasado xubilouse unha traballadora e recortaron 10 horas semanais, polo que reclamamos que, tal e como establece o convenio, estas horas sexan repartidas entre o resto do persoal”.

Como consecuencia desta eliminación de horas que veñen aplicando dende hai tempo, das 624,50 horas semanais de traballo que recolle o prego de condicións na actualidade estanse a facer unicamente 473. Ademais, a empresa tampouco cubriu a praza dunha persoa que se atopa de baixa. “O que fan é aproveitar os períodos vacacionais, cando menos carga de traballo hai, para imputarlle horas ao persoal e deste xeito cumprir o mínimo que esixe o prego”, sinalan.

Pero unha vez iniciado o conflito laboral a compañía contratou temporalmente a dúas persoas para cubrir as horas que figuran no prego, “unha decisión que supón recoñecer que estaban a incumprilo”, en lugar de repartir esas horas entre as traballadoras/es que non teñen xornada completa, “tal e como establece o convenio provincial de limpeza”. Polo tanto, na xuntanza coa dirección van reclamar que se cedan esas horas e que se manteñan as dúas contratacións. “No caso de que a empresa non estea disposta continuaremos coas mobilizacións”.

Volver