Seguimento total na nova xornada de folga contra os despedimentos e os peches de tendas en H&M

O pasado sábado as traballadoras realizaron mobilizacións en Ourense, Vigo, Narón e Lugo

Nacional -

As traballadoras e os traballadores de H&M secundaron masivamente o pasado sábado unha nova xornada de folga en contra dos despedimentos, das modificacións das condicións e do peche de tendas que quere acometer a multinacional do téxtil. Este foi a cuarto paro que desenvolveron as traballadoras da tenda de Ourense e o segundo que fixo o persoal do resto de establecementos que a empresa ten en Galiza.

O salvaxe ERE formulado por H&M afecta a seis das oito tendas que hai no noso país e suporá o peche dos comercios de Ourense, Vigo-Príncipe e Narón. Ademais, nas tendas de Lugo, Vigo-Gran Vía e A Coruña-Marineda ás traballadoras e traballadores aplicaránselle modificacións das condicións de traballo. De maneira que, de momento, só fican libres das consecuencias do ERE os centros de traballo de Pontevedra e Santiago.

Pechan tendan rendíbeis

Estes despedimentos e recortes laborais acontecen malia que varios dos centros galegos cumpren cos obxectivos de rendibilidade marcados pola compañía e no caso de Ourense "esta tenda ocupa o terceiro lugar dos establecementos con maior rendibilidade, segundo datos internos da propia empresa". Porén, a pesar do éxito das folgas e das mobilizacións, a H&M non se moveu un ápice nas súas posturas.

Por iso, a CIG-Servizos reclama a retirada dos despedimentos, a recolocación de todas as traballadoras nas tendas que fican abertas e, senón é posíbel, que se lles pague unha indemnización de 45 días por 42 mensualidades. Ademais demanda que, se abre algunha tenda nas cidades onde houbo despedimentos, estas traballadoras teñan preferencia na contratación.

Negociar o ERE por territorios

Neste senso, a CIG tamén reivindica que o ERE se negocie por territorios e non a nivel estatal xa que os sindicatos CCOO e UGT, en conivencia coa empresa, impediron a participación dos sindicatos que a nivel estatal non acadan a representación necesaria, en base á lexislación do PP que segue vixente para os ERE. "Así nos encontramos con que unha parte moi significativa das traballadoras/es de H&M non teñen nin voz nin voto na mesa de negociación no período de consultas”.

Consecuencia de manter vixente a reforma laboral

A CIG reitera que o despedimento colectivo formulado por H&M, en base a supostas causas organizativas e de produción, é un exemplo máis das consecuencias de manter plenamente vixente unha reforma laboral que deixa todo o poder de decisión sobre a continuidade dos empregos nas mans das empresas, aínda teñan beneficios millonarios.

Volver