Seguimento total na 1ª fin de semana de folga de conserxes das instalacións deportivas da Coruña
A Coruña -
A folga nas instalacións deportivas municipais da Coruña arrincou esta fin de semana cun seguimento do 100% xa que só acudiu traballar o persoal designado para os servizos mínimos. Con estes paros, que se repetirán a próxima fin de semana, os traballadores e as traballadoras de conserxería reclámanlle á empresa concesionaria, Ilunion Outsourcing, que cumpra coas súas obrigas laborais e pague de inmediato o plus de polivalencia recollido no convenio colectivo.
A gran maioría das instalacións (15 de 19) permaneceron pechadas tanto o sábado como o domingo e só se desenvolveron as grandes competicións de ámbito estatal, para as que o Concello decretou os servizos mínimos. Neste punto, o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Pérez, critica o desinterese do Goberno municipal na busca dunha solución malia a afectación que a folga ten sobre a actividade deportiva local.
A representación social mantivo varias reunións previas co Concello (como responsábel da concesión) para buscar a súa implicación e acadar unha solución que evitara os paros, pero por parte do Goberno local limitáronse a dicir que se trata dun problema entre empresa e traballadores/as. A súa vez a adxudicataria do contrato négase a cumprir co establecido no convenio colectivo alegando que non vai pagar o plus mentres o Concello non llo abone.
Pérez apunta que o comité leva tempo solicitando unha reunión a tres bandas (persoal, empresa e Concello) para tratar esta problemática pero até o momento foi imposíbel sentar a Ilunion e o Goberno municipal na mesma mesa. Así as cousas, a folga continuará o próximo sábado e o próximo domingo.
Novas relacionadas