Rematan sen acordo as negociacións do ERE de Tegestacín

A empresa pretendeu forzar un acordo "con coaccións" e sen ofrecer ningunha garantía para o persoal

Outeiro de Rei -

O pasado venres rematou sen acordo o período de consultas para o expediente de regulación de emprego formulado por Tegestacín para a planta de Outeiro de Rei. Malia isto, a FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña denuncia que a empresa pretendeu forzar, "con coaccións e sen garantías para o persoal, un acordo que lle lexitime o despedimento colectivo diante da autoridade laboral", cando xa camiña cara a acumular o impago de dúas mensualidades.

A CIG, como sindicato maioritario e co obxectivo de non prexudicar á maioría do persoal afectado, trasladoulle á empresa na reunión que non ía facilitar un acordo "que non supera as condicións mínimas legais e que carece de garantías".

De igual xeito, sinala o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López, a parte social trasladoulle a determinación de dar por finalizado o período de consultas ao superar os prazos mínimos legais, "tendo dende este intre a empresa toda a responsabilidade para exercer os despedimentos e garantir os pagamentos correspondentes de salarios, liquidacións e indemnizacións".

A CIG segue reclamando unha solución que dea continuidade aos empregos e á actividade na fábrica de Outeiro de Rei.

Volver