Persoal do transporte de viaxeiros/as mobilízase contra os abusos empresariais e o abandono da Xunta

A CIG concentrouse na estación de autobuses da Coruña e na Xefatura provincial de Mobilidade

Nacional -

A CIG realizou dúas concentracións na mañá deste xoves para denunciar a precarización laboral e os despedimentos que se están a producir no sector do transporte de viaxeiros/as por estrada. Unha situación que o responsábel do Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, “cualifica como a peor dos últimos 25 anos”, e da que responsabiliza á empresa Monbús (que practicamente ten o monopolio dos contratos) e á Xunta de Galiza , á que acusa de estar desaparecida ante os abusos empresariais e os incumprimentos dos pregos.

A primeira das protestas desenvolveuse na dársena da estación de autobuses da Coruña e a seguir os preto de cen traballadores e as traballadoras levaron as súas protestas até diante do edificio de Mobilidade da Xunta (situado ao lado da estación). As concentracións fan parte  da campaña de mobilizacións convocadas pola FGAMT-CIG para denunciar a caótica situación que atravesa o sector  e que terá continuidade nos vindeiros meses.

Incumprimentos dos contratos, do convenio e despedimentos

Con esta protesta, quérese chamar a atención sobre os incumprimentos reiterados do convenio colectivo, a non subrogación de persoal, os despedimentos (24 dos que teña constancia a central sindical e todos relacionados co grupo presidido por Raúl López) , ou que as empresas non están a cumprir coas condicións establecidas nos pregos dos contratos.

Pastoriza indicou que aínda que o convenio recoñece o dereito á subrogación, as empresas incorporaran os traballadores e as traballadoras aos seus cadros de persoal, mais logo despídenos alegando que non hai servizos abondo. Unha xustificación que rexeita, xa que o que acontece na realidade é que “se lle está aumentando a xornada laboral o persoal que queda para poder cubrir todos os servizos. O que pretenden é sacar beneficio do lombo dos traballadores/as”, asevera. Neste senso, lembrou que a CIG xa denunciara no seu día que a dotación dos contratos era deficitaria e “agora preténdese cargar o custe precarizando as condicións laborais e despedindo persoal”.

Outro dos sectores afectados é o persoal acompañante de transporte escolar. “Na maioría dos casos non se rexistra a súa xornada como debería, todas as persoas traballan máis tempo do que se lles está pagando e moitas delas non foron subrogadas, co que se atopan nun limbo no que non deberían de estar”.

Xunto a isto, Pastoriza alertou das manobras que está a facer Monbús (coa complicidade da Xunta) para evitar que os traballadores e as traballadoras poidan elixir representación sindical, impugnando os preavisos e as convocatorias de eleccións e presionando as candidatas e candidatos.

Deterioro do servizo

A esta precarización laboral súmase o deterioro do propio servizo polos incumprimentos dos pregos e os cambios continuados de horarios decididos polas concesionarias, seguindo criterios exclusivamente de rendibilidade empresarial “e sen importarlles deixar sen servizo ás viaxeiras e viaxeiros. Nunca tantas queixas houbo por parte das usuarias e usuarios”, salientou Pastoriza, quen advertiu que mesmo se dan casos nos que as viaxeiras/es quedan en terra mentres o autobús marcha baleiro “porque a empresa acordou non prestar o servizo ao considerar que non había usuarios/as abondo”.

Esta caos no sector, engadiu, é consecuencia do Plan de Mobilidade que a Xunta puxo en marcha en 2019 que a CIG xa denunciou no seu momento, porque non responde nin ás necesidades do sector, nin ás necesidades das persoas usuarias. Pero ademais, o responsábel de Transportes da CIG chamou a atención sobre o feito de que este deseño “está afogando as pequenas empresas familiares, xa que foi pensado para favorecer os intereses de Monbús, que controla o 75% dos contratos”.

Todos estes incumprimentos foron denunciados en numerosas ocasións diante de Mobilidade que “permanece ausente” e non respondeu a ningunha das reclamacións e aquelas ás que si deu contestación “foi para non resolver nada. A protección a Monbús é absoluta”, criticou.

A este respecto lembrou que no seu momento os tres sindicatos, entre eles a CIG, asinaron as cláusulas sociais dos pregos. Entre esas cláusulas está a existencia dunha comisión de seguimento que se ten que reunir a instancia de calquera das partes e que tería que vixiar polo cumprimento dos pregos dos contratos. A CIG solicitou xuntanza deste órgano para abordar todos estes problemas, pero “tamén se nos denegou a reunión”.  

Volver