Persoal do sector de Seguridade Privada mobilízase en Compostela por un convenio digno

Reclaman a recuperación do poder adquisitivo perdido para enfrontar a grave carestía da vida

Nacional -

Traballadoras e traballadores do sector da Seguridade Privada concentrábase a primeira hora da mañá de hoxe diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Santiago, porque é a administración que máis contratos licita coas empresas do sector. De seguido saíron en manifestación polas rúas do casco vello compostelán cara a Praza do Obradoiro. No seu percorrido lembraron a viva voz a unha das patronais, “APROSER, cobarde, a xente está que arde” e reclamaron un “convenio digno e con dereitos”.

Tal e como explicou o representante da CIG na mesa de negociación, Pedro Pérez, ao inicio da mobilización, a próxima xuntanza terá lugar este venres, día 30 de setembro, onde agardan que haxa máis avances, logo de que na última xuntanza APROSER presentara unha proposta que consideraron “totalmente insuficiente”.

Pérez denunciou que nesa proposta contémplase un raquítico incremento salarial do 3% para 2023; do 3,5% para 2024; do 4% para 2025 e sen concretar para 2026, sen sequera asumir a totalidade do IPC no caso de ser superior nos catro anos de vixencia do convenio.

Para a CIG esa proposta de incremento salarial -deixando o cuarto ano en suspenso para negocialo na vixencia do convenio- é “inaceptable”, ao igual que a proposta de modificación á baixa dos complementos da IT respecto da que Pérez afirmou que “isto non se toca agás se é para incrementalos”.

Convenio digno e con dereitos

Fronte a isto a CIG defende un incremento salarial que permita, non só afrontar a actual inflación, senón tamén recuperar o poder adquisitivo pedido, ademais doutra serie de melloras canto a plus de perigosidade, complementos de nocturnidade e festividade, entre outras. Cuestións que para a central sindical deben ser abordadas de inmediato.

O representante da CIG lembrou que se trata dun sector esencial, tal e como quedou constatado durante a pandemia, pero denunciou que se sustenta sobre a precariedade laboral das súas traballadoras e traballadores. Acusou ás empresas de eludir a súa responsabilidade na actual situación e de tratar de xustificarse en base a causas externas como a guerra, a inflación ou medidas inaxeitadas aplicadas desde os gobernos.

Lonxe disto, acusou ás patronais pola guerra de prezos á baixa para conseguir as concesións dos servizos, provocando unha precarización insoportable das condicións laborais e salariais, mais tamén pola súa submisión ante as administracións. E acusou tamén aos sindicatos estatais por ter asinado convenios con perdas continuadas de poder adquisitivo. Ante isto, Pedro Pérez reiterou a demanda da CIG dun convenio galego que considerou “para nós a única saída para este sector en Galiza”.

Camiño da folga xeral no sector

Ao remate da manifestación, na Praza do Obradoiro, Pérez deu lectura a un comunicado no que desde a CIG se fixo un chamamento á folga “se queremos de verdade cambiar as cousas”, coa que serían capaces de “paralizar infraestruturas deste país: ao aeroportos, a rede ferroviaria, as administracións, as comunicacións, os centros penitenciarios, o sistema bancario e os principais sectores produtivos do país”.

Por iso convidou a todos os sindicatos para que “se de verdade queren solucionar os problemas deste sector, se deixen de caralladas, de lavados de cara, de vendidas na mesa de negociación e abandonen a eses compañeiros de viaxe” e se comece a falar “dunha grande e real folga xeral”.

Anunciou ademais unha próxima mobilización o vindeiro día 5 de outubro, ás 17:00 horas nos arredores do aeroporto de Compostela cunha marcha en caravana de coches pola dignidade do sector.

Volver