Persoal de XEAL exixe un plan industrial e que remate a especulación enerxética diante da Xunta

Demandan da goberno galego medidas contra a empresa por incumprir coas concesións

Compostela -

Traballadores e traballadoras de XEAL trasladaron esta mañá as súas demandas, máis unha vez, ás portas do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en Compostela e á entrada mesmo de Augas de Galiza. Iniciaron un calendario de mobilizacións hai 15 días ante a falta de avances e, a esta altura, seguen sen ser recibidos nin pola consellaría de Industria, nin por Augas de Galiza.

Neste sentido, o presidente do comité de empresa, Alfonso Mouzo, denunciou o “total escurantismo” da Xunta de Galiza cara as traballadoras e traballadores e denunciou que “non nos quere dar información ningunha”. Lembrou que hai un proxecto de rebombeo no monte da Ruña, no concello de Mazaricos, e que o persoal considera que “non é de recibo que a Xunta pretenda darlle outra concesión máis a esta empresa que non está a cumprir as condicións das concesións”.

Destrución de emprego

A este respecto apuntou que desde que chegaron estes novos propietarios, en 2019, levan perdidos máis de 30 postos de traballo fixos e directos, ademais duns 80 eventuais e da empresa auxiliar o que supón un claro incumprimento dos requisitos das concesións que contemplan o mantemento da actividade industrial nas fábricas de Cee e Dumbría, o mantemento dos postos de traballo e a actualización do convenio colectivo.

Mouzo lembrou ademais que non só non están cumprindo nin as concesións, senón que tampouco están a cumprir coa sentenza do TSXG de novembro de 2020, “onde se di claramente que hai que respectar a actividade industrial e os postos de traballo e manter o que había non se está mantendo”, apuntou.

De feito, asegurou que agora mesmo hai un único forno en marcha de cinco que teñen e denunciou que “a actividade industrial está totalmente paralizada, os postos de traballo cada vez van a menos e, polo tanto, non pode ser que a Xunta lle pretenda dar outra concesión a esta empresa sen antes respectar as que hai actualmente”.

O presidente do comité sinalou que tamén intentaron manter varias reunións no Consello Galego de Relacións Laborais e que a empresa se negou en todo momento. Por iso, anunciou que as mobilizacións van continuar até que haxa unha solución, tanto por parte da empresa como da Xunta, á que acusou de “clara deixazón de funcións” por non lle abrir un expediente. “É un fondo americano que nin sequera paga impostos no país, e debería facerlle cumprir coas súas obrigas, porque ten as competencias todas, tanto en Augas como en Industria”, concluíu.

Volver