Persoal de Seaga marchará a pé até Santiago para denunciar que a Xunta utiliza a empresa pública “como unha ETT”

Os traballadores/as que participan na extinción de incendios forestais inician calendario de protestas por unhas condicións laborais dignas

Compostela -

Representantes dos catro comités provinciais de Seaga e o secretario nacional de CIG-Servizos compareceron esta mañá en rolda de prensa en Santiago para denunciar que a Xunta utiliza esta empresa 100% pública “como unha ETT da administración”. Tamén censuran o incumprimento LOFAXGA e o despilfarro de cartos públicos en xuízos nos que os traballadoras/es ven recoñecidos dereitos que a Administración lles nega. Diante disto, anuncian a convocatoria dun calendario de mobilizacións que se inicia este venres 20 cunha marcha a pé que arrincará en Pontecesures ás 6.00 horas e rematará diante da Consellaría do Medio Rural sobre as 12.00 horas.

O anuncio foi feito por Paulo Rubido, secretario nacional da CIG-Servizos, quen compareceu acompañado por Rosa Rivas, do comité de Ourense; Xosé Ignacio Magariños, do comité de Pontevedra; Pablo Boj, do comité da Coruña; e Herculano Álvares, do comité de Lugo.

Rubido considerou “escandaloso” que a Xunta vulnere as súas propias leis. Neste sentido lembrou que cando se publicou a LOFAXGA, lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza, vendeuse que tiña como obxectivo racionalizar o conxunto da Administración e que esta lei establece un período de dous anos dende a súa publicación -que xa está superado- para que todos os entes e empresas públicas adaptaran o seu marco normativo e condicións ao contemplado no V Convenio. Porén, denunciou, “a Xunta deliberada e intencionalmente non aplica a LOFAXGA en Seaga”.

Ante isto, explicou que puxeron en marcha a estratexia de presentar demandas reclamando dereitos que aparecen recollidos no V Convenio e que tiñan que ter sido recoñecidos por Seaga en aplicación da LOFAXGA. Demandas que se están gañando, unha tras outra, e coas que se lle recoñece ao persoal desta empresa pública, que participa na extinción de incendios forestais, o dereito a ter retribuída a nocturnidade, a gozar de licenzas e permisos e á cuantificación de horas extra.

Ademais, o 9 de xuño celebrarase un xuízo pola presentación de conflito colectivo, porque segundo se establece nos contratos dos traballadores/as de Seaga, estes/as teñen que ser contratados/as en todos os períodos de alto risco que decrete a Xunta e, malia isto, só son contratados/as por un período estrito de tres meses. Unha situación que entenden que vulnera as condicións pactadas e que, de así o considerar o Xulgado, obrigará a Xunta a pagar por un mínimo de dous meses a maiores aos 500 empregados/as.

Rebaixa salarial de 100 euros

O secretario nacional da CIG-Servizos denunciou que cando comezaron a publicarse as sentenzas, os representantes dos traballadores/as de Seaga foron convocados/as a unha mesa de negociación na que se lles presentou unha proposta -que non asumiron- de rebaixa salarial de 100 euros, para manter así a masa salarial detraendo desa rebaixa as cantidades para pagar a nocturnidade gañada por sentenza xudicial. Ante isto, “dixemos que eran propostas inasumíbeis porque ao final sacamos máis no Xulgado que negociando”, afirmou Rubido, quen lembrou que hai máis de 200 demandas individuais de reclamación de nocturnidade pendentes de sentenza xudicial.

Diante da negativa de Seaga a recoñecer a todos/as os traballadores/as estes dereitos (optando por ir a xuízos individuais), o responsábel sindical reclamou as contas referidas a gastos xudiciais desta empresa pública e sinalou que “dende meu punto de vista prevaricar é actuar de mala fe intencionadamente e gastar cartos públicos, de forma consciente, e non para o que foron decididos; e actúa de mala fe unha empresa que sabe que vai perder e aínda así mantén esa estratexia”.

Por iso Rubido asegurou que a negociación, a día de hoxe está rota a todos os efectos e asegurou que calquera solución para os traballadores/as de Seaga depende dunha decisión política. “Un goberno ten que definir a súa política forestal e a súa política de prevención e extinción contra incendios; o problema é que se iso non o tes definido a situación é a que temos”.

De feito, hoxe operan en Galiza máis de 11 entes de diverso tipo que actúan en labores de extinción durante o verán: medios propios da Xunta, Concellos, Tragsa e Natutecnia, entre outros. Para os comités, a Xunta ten que definir por que sistema opta: público, privado, propio, instrumental, etc. “O que non pode facer é manter todo xunto e vendelo como algo coordinado e planificado”, denunciou Rubido.

Marcha a pé até Santiago

Pablo Boj, representante do comité da Coruña, lembrou que quen paga as consecuencias desta falta de definición é o cadro de persoal, que pasou nos últimos sete anos de contar cun operativo de máis de 2000 persoas ás tan só 500 actuais. Traballadores/as cunhas condicións laborais que cualificaron de vergoñentas, porque só están contratados tres meses ao ano, o que non lles permite sequera acceder a un subsidio ou a axudas familiares.

“Falta vontade política”, asegurou Boj, “porque pola natureza do noso labor sería posible ter carga de traballo para máis de seis meses”. Por iso denunciou que esta empresa pública “é unha ferramenta de precarización de emprego neste país”, que funciona como unha ETT.

De feito, Boj asegurou que até tal punto a Administración se empeña en non recoñecerlles dereitos que nin sequera se lles ten en conta o tempo traballado para acceder a unha praza do servizo de incendios propio da Xunta na OPE convocada. “Si se lle ten en conta aos traballadores/as dos Concellos, que fan o mesmo traballo ca nós. Trátannos como se foramos dunha empresa de Murcia e nin temos dereito algún á hora de acceder á función pública”.

Diante disto, optaron por desenvolver un calendario de mobilizacións se iniciará este venres 20 cunha marcha a pé que partirá de Pontecesures ás 6.00 horas e que ten prevista a súa chegada a Santiago contra as 12.00 horas. A mobilización, convocada polo comité de Pontevedra, accederá á cidade dende O Milladoiro e rematará cunha concentración diante da Consellaría do Medio Rural, onde realizarán unha concentración na que participarán traballadores/as de todo o país. Representantes do comité promotor tamén ofreceron unha rolda de prensa simultánea en Pontevedra xunto á secretaria comarcal da CIG-Servizos, Diana Rodríguez, para explicar os detalles da protesta.

Volver