Os traballadores e as traballadoras de Albada manifestaranse o 3 de novembro por un convenio digno

A Coruña -

O comité de Albada ten convocada unha manifestación para o vindeiro xoves, 3 de novembro, con saída ás 11:30h dende a Casa da Auga (r/ Manuel Murguía) e remate na Praza de María Pita. Con esta mobilización queren reivindicar un convenio colectivo digno, xa que levan cos salarios conxelados dende o ano 2012 e as condicións laborais e sociais recortadas tras o decaemento do convenio a 1 de xaneiro de 2020.

Mais tamén demandar do Goberno municipal que, dunha vez todas, publique o prego da nova concesión, tendo en conta que a UTE Albada está xestionando a planta de Nostián en situación de prórroga forzosa dende xaneiro de 2020.

Neste tempo o deterioro dos dereitos do persoal e da situación da propia planta resulta evidente, e xa foi denunciado en multitude de ocasións polo comité tanto diante da autoridade laboral como diante do Concello da Coruña. Nestes a Inspección de Traballo ten abertos varios expedientes contra a empresa, sobre todo por incumprimentos en materia de prevención e saúde laboral.

Os traballadores e as traballadoras de Albada fan un chamamento á cidadanía para que apoie as súas demandas, xa que están pagando por un servizo que na práctica non existe: a recuperación e reciclado dos residuos urbanos.

O comité entende que a aposta decidida pola planta de tratamento de residuos de Nostián ten que verse materializado na publicación urxente do prego de condicións como garantía de continuidade das instalacións e do sistema de reciclaxe e tratamento dos residuos, fronte á realidade actual que se asemella máis a unha planta de transferencia.

Volver