O TSXG confirma que nas subrogacións na seguridade privada as débedas pasan á empresa entrante

A resolución dálle a razón á CIG e chega tras unha recente sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo

Nacional -

O Tribunal de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de confirmar que en caso de subrogación no sector da seguridade privada as débedas contraídas pola empresa saínte cos traballadores/as pasan á compañía que se fai cargo do servizo. A resolución xudicial dálle a razón a un empregado que presentara unha demanda a través da CIG e chega despois da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) a raíz dunha consulta do propio tribunal galego.

Segundo explica Pedro Pérez, da CIG-Servizos, a decisión do TSXG supón a condena da empresa entrante, que terá que asumir as cantidades adebedadas pola anterior compañía que non prescribiron. “Significa que se acepta a nosa tese de que debe de aplicarse o principio de xerarquía normativa e prevalecer, polo tanto, a lei sobre o convenio. 

A decisión supón un cambio total na doutrina que se viña aplicando nas cláusulas de exclusión de débeda

Deste xeito, o novo empresario queda subrogado en dereitos e obrigas laborais, conforme ao artigo 44 do Estatuto dos Traballadores/as. “Isto supón definitivamente un cambio transcendental na doutrina que se viña aplicando nas cláusulas convencionais de exclusión de débeda”, sinala.

A sentenza do TSXG dálle a razón á CIG no asunto máis transcendente (a responsabilidade da empresa entrante), mais desestima outro recurso por cantidades prescritas a raíz dunha demanda que fora elaborada nun despacho externo á central.

A decisión que se vén de coñecer chega despois de que o TSXG elevase unha consulta pre-xudicial ao TXUE para que valorara se é de cumprimento unha Directiva Europea sobre a normativa laboral do Estado español e se é de aplicación o Estatuto dos Traballadores/as sobre un convenio colectivo,

Na súa resposta, o TXUE dáballe a razón á CIG considerando que si existen responsabilidades subsidiarias cando hai débedas cos traballadores/as nunha subrogación, que teñen que ser asumidas pola empresa entrante ou, o que é o mesmo, que é de aplicación, neste caso, a Directiva Europea.

Segundo explica Pérez, o TSXG elevou esa consulta porque hai sentenzas do Tribunal Supremo (TS), como a do 17 de abril de 2016, que di que prevalece o convenio colectivo sobre os límites que se introduzan nel, polo que limita a responsabilidade das débedas coa anterior contratista.

Alcance da decisión

A este respecto, chama a atención sobre o feito de que o convenio de Seguridade Privada estableza un dereito de subrogación “peor” que o que contempla o artigo 44 do Estatuto dos Traballadores/as. E non só iso, senón que tamén se contrapón á Directiva 2001/23CE. Tendo isto en conta, o representante da CIG-Servizos afirma que o TS aténdose á literalidade do convenio “non ten en conta nin o artigo 44, nin a Directiva Europea”.

Coa resposta do tribunal europeo na man, na CIG entendían que o TSXG podería ditar, tal e como vén de suceder, unha sentenza resolvendo que é de aplicación o Estatuto dos Traballadores/as, en base ao artigo 44 e aplicando tamén o artigo 3, que establece que o ET é xerarquicamente superior ao convenio colectivo xunto coa Directiva Europea.

Polo que a resolución xudicial que se acaba de coñecer, contra a que aínda cabe recurso, ten para a central un importante alcance no momento en que afecta a todas as contratas nas que o custe da man de obra sexa sempre o máis elevado.

Volver