O TSXG condena a Seaga a retornar ao persoal os 8 días de permiso retribuído recuperable

Descontáronllos das vacacións e asuntos propios en 2020

Nacional -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de dar a razón á CIG e condenar a SEAGA a retornar ás traballadoras e traballadores os 8 días de permiso retribuído recuperable descontados das vacacións e asuntos propios do ano 2020.

A CIG conseguiu que se garantiran os dereitos laborais do persoal brigadista da empresa pública SEAGA, “fronte a decisións arbitrarias adoptadas pola Dirección Empresarial, coa inestimábel achega de certas centrais sindicais colaboracionistas”, explica a sección sindical. Neste caso, no referido ao dereito ao goce íntegro das vacacións e dos asuntos propios.

A sección sindical sinala que durante o período de confinamento (2020) o Goberno impuxo o goce dun permiso retribuído de 8 días aos/ás traballadores/as da maioría dos sectores de actividade, a recuperar no ano 2020.

O que fixo SEAGA foi colocar en situación de permiso ás súas brigadas de tarefas preventivas e, rematado o permiso, encetou unha negociación coas organizacións sindicais para a recuperación dos 8 días.

A proposta da empresa pública consistiu en descontar ao persoal afectado 7 días das súas vacacións e 1 día do seu cupo de asuntos propios, co obxecto de recuperar os 8 días concedidos.

Segundo explican, “CCOO votou a favor da proposta da empresa, UGT abstívose e a CIG votou en contra a alegar que os brigadistas constituían un servizo esencial excluído do permiso retribuído”. Deste xeito, a negociación rematou sen acordo, grazas ao voto da CIG, e a Dirección da Empresa impuxo a todos os brigadistas o desconto de 7 días das súas vacacións e 1 día da cota de asuntos proprios.

Demanda de conflito colectivo

Diante desta situación a CIG interpuxo demanda de conflito colectivo no TSXG contra a EP SEAGA, S.A. e en reclamación do retorno dos 8 días descontados de xeito improcedente das vacacións e asuntos propios do ano 2020 aos brigadistas afectados/as.

O TSXG dá finalmente a razón á CIG, declara a nulidade da decisión da SEAGA e o dereito das e dos brigadistas a gozar das vacacións e asuntos propios do 2020 íntegras e sen descontos.

En consecuencia, a sección sindical informa a todo o persoal brigadista afectado que solicitará unha reunión urxente coa Dirección da EP SEAGA, SA. para coñecer se prefire retornar voluntariamente o que descontou o se, pola contra, prefire que o retorno sexa imposto polo Xulgado.

Se transcorridos 15 días, desde a solicitude da reunión, SEAGA non a convoca ou non dá unha resposta conforme coa sentenza xudicial, a CIG iniciará unha campaña, entre todo o persoal afectado, para executar a sentenza e que sexa o xulgado quen obrigue á empresa a conceder 8 días libres durante o 2021 ou a compensalos, en caso de imposibilidade de goce, coa indemnización económica equivalente.

Se a sentenza fose recorrida por SEAGA a sección sindical estudaría a posibilidade de execución provisional da mesma.

Volver