O persoal Oysho, Massimo Dutti, Zara Home e Pull&Bear secunda masivamente a folga para esixir recolocacións en condicións dignas

O paro afecta ás tendas destas marcas de Inditex na provincia da Coruña

A Coruña -

As traballadoras e traballadores das tendas Oysho, Massimo Dutti, Zara Home e Pull&Bear da provincia da Coruña están secundando este luns unha xornada de folga en rexeitamento ao "ERE encuberto" que Inditex está a levar adiante no marco do proceso de dixitalización das vendas. Con motivo da folga, convocada pola CIG, o persoal realizou unha concentración na Coruña para visibilizar o conflito laboral e esixir da multinacional que sente negociar un acordo de recolocacións que ofreza garantías reais de mantemento do emprego e das condicións de traballo.

A CIG-Servizos salienta o éxito da folga deste luns, que provocou que a maioría dos comercios das distintas cadeas afectadas estean hoxe sen actividade, cunha especial incidencia do paro en Massimo Dutti e nos establecementos de Ferrolterra, comarca onde Inditex vai desmantelar case toda a rede comercial física. "O seguimento nas tendas afectadas foi practicamente do 100% e houbo unha amplísima resposta tamén por parte das traballadoras/as das outras tendas", subliñou Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, durante a mobilización que o persoal realizou na cidade herculina para visibilizar a súa loita.

Inditex pecha 24 tendas en Galiza

Pérez lembra que dende principios de ano Inditex ten en marcha un proceso de peche de tendas que en Galiza suporá o cerre de 24 establecementos, dos que até o momento se materializaron 12. Porén, estes peches non van acompañados dun proceso de recolocacións para o persoal afectado con garantías de mantemento das condicións laborais e salariais que tiñan.

De feito, critica que as vacantes que ofrece a empresa "non teñen un mínimo de calidade. A alternativa que teñen as traballadoras é acollerse a unha praza en peores condicións, algunhas con xornadas semanais de 16 horas semanais cando antes estaba a 40 horas, noutras provinciais, ou con horarios que lle impiden conciliar, polo que, na práctica, vense obrigadas a ter que marchar cunha indemnización mínima".  

Pérez reiterou que neste cambio de modelo de negocio "non existen motivos nin económicos nin comerciais para expulsar as traballadoras ou para empeorarlles as condicións laborais. É unha estratexia de Inditex para abaratar custes e abusar do poder que ten no sector do comercio", denuncia. Neste senso, apunta que Inditex podería recolocar o persoal afectado nos novos postos que se van crear para a xestión da venda online "pero non llos quere ofrecer porque non lles quere respectar as condicións polas que levan pelexando moitos anos".

Ao contrario, advirte que a multinacional (que o pasado ano obtivo máis de 1000 millóns de euros en beneficios) "en vez de estabilizar o emprego e ofrecer condicións dignas, afonda na súa política de subcontratación salvaxe, xa que está externalizando todo os postos de traballo dos almacéns dixitais e dos procesos de reparto online".

Criterios de reparto inxustos e discriminatorios

O sindicalista critica que este proceso de peches constitúe un "ERE encuberto" que Inditex aplica por fases e con criterios de reparto de prazas arbitrarios, inxustos e que mudan a cada pouco, en base ao acordo que pactou con CCOO e UGT en Madrid.

"Isto provoca que o reparto de prazas sexa discriminatorio, porque as persoas que marchan primeiro teñen máis opcións de coller unha praza en mellores condicións que as das tendas que pechan máis tarde, con independencia da súa antigüidade ou da xornada que tiveran previamente. É lamentábel que haxa sindicatos que colaboren con esta precarización e por enriba digan que o proceso está ben feito", denuncia.

Fronte a isto, a CIG vén reclamando de Inditex abra unha mesa de negociación en Galiza para abordar un acordo que contemple garantías reais para manter os empregos, os dereitos e os salarios e impedir así que o proceso de dixitalización se faga a conta de precarizar as traballadoras e os traballadores das tendas.

Volver